Xulio Xiz: "Faremos unha gran homenaxe a Xesús Mato no transcurso do ano"

A súa orixe é chairega, pero o escritor e xornalista Xulio Xiz leva dende o ano 1968 vinculado a Paradela, onde forxou fortes amizades con persoeiros como o crego Xesús Mato, o escritor Manuel Rodríguez ou o xenetista Santiago Rodríguez. Alí será recoñecido como Fillo Adoptivo
Xulio Xiz, escritor y periodista
photo_camera Xulio Xiz, na súa biblioteca. EP

O pleno de Paradela aprobou o nomeamento de Xulio Xiz como Fillo Adoptivo polo seu estreito vencello co concello, "colaborando activamente na organización e xestión nos actos do 200 aniversario e con inconmensurable entrega ao certame literario Manuel Oreste Rodríguez, tanto na organización como na súa función seleccionando as obras, ao formar parte dos membros do xurado, conseguindo gran difusión".

Que se sente ao ser proposto como Fillo Adoptivo de Paradela?
É un agradecemento moi especial. Son cousas coas que un non conta pero que son moi gratificantes. Eu teño querenza por Paradela dende hai moito tempo, pero nunca pensei que esa querenza ía ser gratificada desta maneira tan espléndida. Teño un agradecemento infinito e son desas cousas que van marcando fitos na vida de cada persoa, polo menos a min márcame saber que un territorio no que non nacín me considere tan achegado.

Como comezou o seu vínculo con este municipio?
Comezou dunha forma indirecta no 1968. Daquela estaba en Radio Popular en Lugo e chegou á radio Xesús Mato, que viña precedido dunha certa auréola de cura especial e que viña a ser importante na emisora. Fomos amigos desde o primeiro momento e con el veu todo o demais. A partir de aí coñecín a José Manuel Mato, a Manuel Rodríguez, Santiago Rodríguez e a moita xente, e fóronme establecendo relacións co concello.

Como definiría Paradela?
En algún momento falei da parábola das cereixas, que a inventei eu. Antigamente, as cereixas collíanse da cerdeira e cando tirabas dunha nunca viña soa, xa que quedaban enganchadas outras. A min con Paradela pasoume algo semellante, collín un amigo e logo viñeron moitos máis. É unha amizade complexa que foi aumentando co transcurso do tempo. Paradela é un territorio especial, dende a paisaxe, cos seus dous ríos, mais tamén montaña, vales, viño e árbores. E ten unha xente agarimosa que agradece calquera cousa que fas dun xeito cordial.

Mencionaba antes a Santiago Rodríguez e a Xesús Mato. Que significaron para vostede?
Eu escribín un artigo dicindo; “Morreron os meus dous irmáns. O meu irmán maior, Xesús Mato, e o meu irmán pequeno, Santiago Rodríguez”. Era unha amizade difícil de explicar. Con Mato, que primeiro foi compañeiro, logo amigo e era cura, naquel tempo levoume case 20 anos tratalo de ti. El foi o cura que me casou, que batizou os meus fillos e netos, que enterrou a miña nai, que casou a miña filla... Era o cura da familia, era un amigo tan entrañable que sintonizamos ata no amor a Paradela. E logo Santiago Rodríguez, que o herdei como amigo do seu pai Manuel, que morreu moi novo, era unha persoa tan especial... Adicou toda a súa vida a investigar e louvar o seu pai e, sen embargo, formouse de tal maneira que non atopando posto na Universidade de Santiago de Compostela, marchou á Universidade de Bristol, onde foi catedrático de xenética. Dous irmáns, pero deses amigos que hai media ducia se é que alguén chega a ter tantos. Son amizades que marcaron a miña vida.

Que repercusión tivo o proxecto Manuel Rodríguez López?
Pois tivo repercusión interior e exterior. Estamos metidos o meu fillo Antonio e eu, a súa familia, o Concello de Paradela, a Xunta de Galicia e a Real Academia Galega. Queriamos facerlle xustiza a un home xeneroso e a un escritor magnífico que tivo sorte na vida de atopar unha familia marabillosa, mais non a tivo no canto dos recoñecementos públicos. Primeiro pensamos na dedicatoria das Letras Galegas, pero logo pensamos en que hai máis vida despois diso e quixemos manter viva a súa memoria e que siga vivo entre nós. Para nós foi manter vivo a Manolo. Tanto a casa da cultura coma o certame literario teñen o seu nome e temos que seguir mantendo a súa memoria na honra do seu fillo, que nos deixou moi pronto.

Que proxectos vai desenvolver proximamente en Paradela?
A verdade é que nese aspecto o meu fillo e eu estamos unidos en Paradela. Acabamos de facer unha exposición polo 150 aniversario da Banda de Paradela, que é moi meritorio, xa que comezou durante o inicio da I República nunha localidade na que en todas as casas había músicos que se xuntaban todas as noites para tocar. A exposición non está en circulación aínda, pero estará para recoñecer a todos os que formaron e forman parte. Temos pendente unha gran homenaxe a Xesús Mato no transcurso do ano en Paradela. Temos que facerlle chegar un rebumbio festeiro para que saiba que nos segue facendo falta e que nos seguimos acordando del.