Xesús Mato protagoniza un encontro dentro do Foro La Unión-El Progreso

O sacerdote e musicólogo, recoñecido coa Medalla Castelao no 2018, ofrece unha charla este xoves en Sarria. Será presentado polo exdelegado de Educación, Ángel Fernández

2019042819434083307
photo_camera Xesús Mato. EP

O crego e musicólogo Xesús Mato Mato, Fillo Predilecto de Paradela e Medalla Castelao da Xunta de Galicia, protagonizará o xoves 2 de maio un encontro dentro do Foro La Unión-El Progreso. O padre Mato impartirá unha conferencia na sociedade La Unión de Sarria, que irá seguida dun coloquio cos asistentes.

'O labor dun cura de aldea' será o título desta charla, que dará comezo ás oito da tarde, con entrada libre ata completar a capacidade da sala. Xesús Mato será presentado por outro Fillo Predilecto de Paradela, Ángel Fernández López, quen foi mestre, inspector e delegado de Educación en Lugo, ademais de autor de varios libros sobre Paradela e Portomarín.

O padre Mato, nado no lugar de Cabo de Vila no 1932, na parroquia de San Martiño de Castro, caracterizouse ao longo da súa vida por unha marcada actividade relixiosa, social e cultural. Á súa persoa se debe a posta en marcha da primeira emisora da Cope en Galicia, a fundación do grupo de música tradicional Fuxan os Ventos ou a creación da asociación de axuda a persoas con discapacidade física Auxilia. Defensor da lingua e da cultura galegas, Xesús Mato exerceu como párroco en Lalín e en Pedrafita do Cebreiro, ademais de impulsar a Polifónica de Lalín e o coro do colexio Santísimo Sacramento, entre outros. Foi tamén director do Orfeón Lucense.

O padre Mato compartirá co público as súas reflexións sobre aspectos da súa traxectoria, tras o cal haberá un coloquio

Todos estas facetas e outras moitas valéronlle o pasado ano a Medalla Castelao, distinción reservada para aquelas persoas cuxa obra se considera merecedora do recoñecemento de toda Galicia.

O encontro con Xesús Mato centrará unha nova edición do Foro La Unión-El Progreso, froito dun convenio de colaboración asinado no ano 2017 entre a adxunta á Presidenta de El Progreso, Blanca de Cora García-Montenegro, e o presidente da centenaria sociedade sarriá, José Quiñoá Díaz.

Con esta iniciativa, a histórica entidade sarriá e o diario líder na provincia de Lugo, que xa supera os 110 anos de traxectoria, pretenden promover en Sarria unha tribuna para a análise, a reflexión e o coñecemento mediante a organización de conferencias, coloquios ou mesas redondas de carácter aberto a toda a cidadanía.

Comentarios