Xela Arias chega ao rueiro sarriao

O Concello inaugura oficialmente a rúa e o mural en homenaxe á poeta nun emotivo acto que contou coa participación do presidente da Real Academia Galega e a familia da autora
photo_camera Acto oficial de inauguración da Rúa Xela Arias.

A poeta, tradutora e mestra Xela Arias estará presente para sempre na vila de Sarria cunha rúa e un mural, que foron inaugurados este domingo oficialmente nun emotivo acto.

O presidente da Real Academia Galega, o goberno local encabezado polo alcalde, representantes da Xunta de Galicia e a Deputación, familiares da autora, amigos e veciños participaron na homenaxe á autora á que se lle dedica o Día das Letras Galega. Neste acto quedou inaugurado o mural na memoria da poeta, obra do artista Mon Devane, e descubriuse unha placa na rúa que agora leva o seu nome, que cambiou a denominación de José Antonio pola de Xela Arias. "Quitarlle o nome dun fascista, darlle o nome de Xela, é un dos actos polo que cualquera demócrata, calquera persoa cun mínimo de cultura, calquera sarriao de ben estaría disposto a meterse en política", manifestou o alcalde, Claudio Garrido, quen destacou a honra que é para o pobo de Sarria que "a nosa veciña Xela sexa recoñecida como unha das grandes autoras da súa lingua".

A poeta dá nome a unha rúa con "160 anos de historia", a cal foi repasada polo investigador sarriao Xaime Félix López Arias. A vía, explicou, levaba a denominación de José Antonio desde 1957, cando se bautizou así por "recomendación impositiva" dos xerarcas lucenses. Rememorou tamén as feiras e romarías que se celebraban no lugar e rematou pedindo que a Rúa Xela Arias "sexa unha rúa aberta e plural onde camiñen sempre aires de liberdade".

Tamén interviu o presidente da Real Academia, Víctor Freixanes, quen sinalou que a autora foi escollida para dedicarlle o Día das Letras Galegas "con entusiasmo e unanimidade absoluta" e a súa elección "está a ter unha resposta social espectacular".

Recordou a súa unión a Xela Arias, a quen coñeceu e tratou cando el se incorporou en 1987 á dirección de Edicións Xerais de Galicia, na que traballaba a poeta como correctora de estilo e editora. Puxo en valor o seu labor como escritora, traductora e profesora.

O fillo da poeta, Darío Gil, agradeceu a homenaxe e destacou a "alegría, emoción e orgullo" que supón para a familia. É unha alegría, dixo, porque dase o nome dunha rúa á escritora e bótase do rueiro a unha figura fundadora da Falanxe. Tamén é unha emoción "cando vemos o mural e ter este recoñecemento tan visual". É un orgullo, ademais, de que "a súa figura sexa recoñecida, o seu legado perdure, a súa memoria esté viva e que a produción literaria saia dos libros e da Academia para achegarse á rúa".

Durante o acto leu uns poemas de Xela Arias a presidenta da asociación Peleriños, Milagros Núñez. Un deles, procedente do libro Darío a diario, está gravado no monolito destapado na rúa da escritora. A homenaxe contou coa actuación do grupo deste colectivo..

Comentarios