jueves. 24.10.2019 |
El tiempo
jueves. 24.10.2019
El tiempo

Xaime Félix López Arias: "É a primeira vez que se publican de xeito amplo temas de etnografía da comarca"

O sarriao Xaime Félix López Arias presenta o libro Primeira aceifa, no que reúne textos escritos na primera metade do século XX por seu pai, Jesús López González. Este mestre e investigador de Paradela foi, segundo di, un home "comprometido co medio no que estaba"

De formación humanista e apaixonado dos libros, Jesús López González foi un meste e investigador nado en Pacios (Paradela) no ano 1903 e falecido en Manzaneda (Ourense) no 1957. Ao longo da súa vida escribiu numerosos textos sobre etnografía ou pedagoxía, parte dos cales acaban de vez a luz en Primeira aceifa, unha obra realizada por seus fillos Alfonso Carlos e Xaime Félix López Arias presentada este xoves na sociedade cultural e recreativa La Unión de Sarria. 

López Arias, coa obra editada. VILAPor que elixiron para este libro o título de Primeira aceifa
Aceifas eran as incursións que se facían no tempo de verán en terras de mouros e, ao mesmo tempo, aceifa vén a ser seitura. Quere dicir primeira seitura, primeira colleita ou primeira incursión nunha obra que está alonxada. 

Iso implica que haberá unha segunda parte da obra? 
A idea é seguir recompilando textos porque el publicou moito na prensa en Ourense e tamén en xornais de Lugo. 

Como foi ese proceso de recollida de textos? Que fontes utilizaron? 
Había reservas na casa, borradores del e xornais que ía tendo gardados. Os manuscritos e periódicos que conservou. Na súa casa de Paradela tiña unha biblioteca moi ampla. O primeiro foi peneirar a biblioteca e hemeroteca. Logo tamén neste último ano descubrimos que había un manuscrito que se conservaba no Museo do Pobo Galego. Outra parte importante foi a busca virtual de prensa. 

Seu pai empregaba un gran número de pseudónimos, Silio Ben Amor, Hércules Luciano, El Patriarca del Loyo... Dificultoulles isto o labor de recompilación de escritos? 
Si, grazas a que tiñamos moitos manuscritos na casa. Realmente é complicado porque utiliza un montón de pseudónimos. 

É un libro que non vai estar á venda. Que obxectivo perseguen á hora de publicalo? 
Distribuílo en bibliotecas públicas, colexios… lugares onde poda ser ofrecido. En vez de ser unha obra que está durmindo, que se poda consultar. O tema de etnografía é interesante porque é a primeira vez que se publica de xeito amplo cousas recollidas da comarca de Sarria. Por exemplo, aparece por aí a zorra da morgaza, que é unha especie de animal, ser extraordinario, un bicho imaxinario que anuncia a morte das persoas. É das primeiras veces que se publica e se fai referencia a que se creía nela na zona de Sarria, pero tamén na de Manzaneda. 

Entón, un dos intereses da obra é que por primera vez se recollen textos etnográficos da zona? 
Nesta zona, agás a recollida de refráns de Vázquez Saco ou traballos soltos de Lence-Santar… Jesús López González fai esa recollida dende os anos 20 aos 40 na zona de Paradela, Sarria e Manzaneda. 

En que medida cre que estes coñecementos contribuíron á sociedade daquel momento? 
El exerceu de mestre e iso axudaría a incardinarse na poboación na que estaba e motivar para darlle valor a esas cousas. 

No seu labor como mestre en Paradela, durante bastantes anos Jesús López supliu a inexistencia de escolas

Cal foi o papel que desenvolveu formando a veciños de Paradela durante varios anos? 
Ao final do libro vai unha parte referente ao sistema escolar porque neses anos en Paradela, en todo o concello, soamente había unha escola de nenos e unha de nenas. El, estando no Seminario, nos veráns adicouse a dar clases en diferentes puntos, en Vilachá, Nai… E pagábanlle. Para poder estudar adicábase a dar esas clases. Tamén daba clases a xente un pouco máis maior para preparala para oposicións. Durante bastante anos suplíu realmente a inexistencia de escolas. 

Visto coa perspectiva que dá o tempo, considera que era un home avanzado para a súa época? 
Formouse no Seminario e é máis ben unha persoa tradicionalista, pero socialmente non se limita a ser mestre de escola senón que organiza obras de teatro, coros... Digamos que é froito do seu tempo pero comprometido co medio no que estaba. Ademais, tiña moitas facetas. Resulta curioso que colaboraba nunha estación fenolóxica na zona de Trives ou nunha sociedade protectora de animais a nivel nacional. 

Que relación tiña Jesús López González con outro paradelense, Manuel Ramiro Pallares López, que publicou a obra Vocabulario do concello de Paradela
Foi seu mentor. Tiveron convivencia e sintonía, e traballaron os dous xuntos na obra sobre o vocabulario. 

Vostede tamén é investigador do Seminario de Estudos Sarriaos Francisco Vázquez Saco. Influíu nesta faceta a figura de seu pai e os seus traballos? 
Evidentemente, eu aos nove anos tiña acceso ás súas bibliotecas, en Manzaneda e Paradela. En Sarria non había nin librarías e eu na casa tiña unha boa libraría. 

Pode avanzar en que proxectos están traballando agora dentro do Seminario Vázquez Saco? 
Está para corrixir o boletín 22, adicado a Frei Luis de Granada.

Xaime Félix López Arias: "É a primeira vez que se publican de xeito...
Comentarios