O Xacobeo coloca un peche no Muíño do Toleiro como unha disposición "preventiva"

O edificio, que pasou a mans públicas no ano 2007, atópase abandonado e en estado de deterioro  Os veciños reclaman o acondicionamento do inmoble e da contorna, onde hai lixo

Lixo no chan xunto ao acceso principal. VILA
photo_camera Lixo no chan xunto ao acceso principal. VILA

A Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, propietaria do Muíño do Toleiro de Sarria, colocou un peche nunha das construcións que forman o conxunto cunha finalidade "preventiva", segundo confirmaron fontes deste organismo.

O cerrado protector vai acompañado dun sinal de prohibición do paso e doutro que indica que se trata dunha propiedade privada. Esta medida ten como obxectivo impedir a entrada de persoas e evitar así posibles incidentes nun inmoble que, malia atoparse en pleno centro da vila, está en situación de abandono e deterioro.

Valado colocado nunha das construcións anexas ao muíño para impedir a entrada de terceiros. VILA

O conxunto do Muíño do Toleiro pasou a mans públicas no ano 2007, cando a Administración autonómica pagou por el 780.000 euros. O proxecto inicial de restauración como museo etnográfico, oficinas do Xacobeo e do Centro Unesco nunca viu a luz. Tampouco chegou a executarse, por falta de permisos, unha rehabilitación parcial planteada máis tarde con cargo a un obradoiro de emprego, para a cal o Xacobeo lle cedeu o uso do edificio ao Concello, que acabou por devolverllo.

Os veciños seguen a reclamar un acondicionamento integral por tratarse "dun lugar emblemático que moitas vilas quixeran ter e que parece terceiromundista".

O pasado mes xa houbo protestas de residentes na Rúa do Toleiro pola maleza na canle do muíño que, segundo denunciaron, provocou a entrada de ratas nun dos garaxes danando os coches.

Recentemente, unha brigada acometeu labores de roza na contorna do muíño, onde se pode ver lixo tanto na parte frontal do edificio principal como na área verde situada xunto ao río e a carón do novo centro de saúde.

Non é a única queixa en relación con esta céntrica zona da vila, xa que a nova pasarela do Toleiro, construída dentro das obras do plan de encanamento do río Sarria, ten xa solto o pavimento de madeira en varios puntos.

Comentarios