"Vivir en Paradela dáme a soidade que necesito para argallar historias"

Estefanía Padullés, escritora e ilustradora, acaba de publicar novo libro, a pantasma do castelo. Porlier e a súa loita pola liberdade, unha obra infantil centrada na figura de Juan díaz Porlier. O seu fin é que os máis pequenos da casa realicen unha viaxe ao século XIX mentres botan a voar a imaxinación
A ilustradora Estefanía Padullés. EP
photo_camera A ilustradora Estefanía Padullés. EP

A ilustradora e escritora catalá afincada en Paradela dende hai dez anos Estefanía Padullés xa ten á venda o seu novo libro, A pantasma do castelo. Porlier e a súa loita pola liberdade, unha obra infantil traducida ao galego e ao castelán pensada para que os máis pequenos da casa poidan mergullarse nunha viaxe polo século XIX co obxectivo de descubrir a vida deste importante personaxe, que, segundo explica a autora, "defendeu a liberdade ata a súa morte". A catalá xa vén de presentar a súa última novela na Coruña e, agora, a seguinte terá lugar o venres na libraría Celia, en Quiroga, ás 17.30 horas.

"Para min, dialogar  cos nenos é moito máis interesante que facelo con persoas adultas en moitas ocasións"

Por que decidiu centrar a historia en Juan Díaz Porlier?

Trátase do terceiro libro dunha triloxía que comezou con Hércules o xigante, de Enrique López , e o segundo, que é o de María Pita e o pirata, tamén meu, no que fixemos un percorrido pola vida dalgunhas das figuras máis relevantes relacionadas coa Coruña neste caso. Escollín a Porlier porque era un personaxe do que non sabía moito e parecíame interesante que a súa historia chegase a máis xente. El loitou fronte ao absolutismo monárquico e foi un home moi importante en Galicia.

A obra tivo unha boa acollida na Coruña?

A verdade é que si. Veu moita xente e enseguida me decatei de que os máis pequenos non coñecían a historia de Porlier. Penso que lles gustou e sorprendeu moito. A acollida foi igual de boa ca sempre. Volvín á casa encantada.

É doado trasladar unha historia coma a deste personaxe a un público infantil?

Non sei se é doado, pero dende logo é posible. Os nenos son moito máis listos do que pensamos, e trato de que eles entendan todo dunha forma máis sinxela e directa. Eu mesma recordo ler os cómics de Astérix e Obélix, que me encantaban, e non me daba conta de todo o que estaba aprendendo. Ao final, os nenos reteñen toda esa información no subconsciente, sobre todo a través dos debuxos.

Como enfocou a historia?

A través de Uxía, unha nena que vive moitas aventuras e onde se atopará con distintos obstáculos e misterios. Ademais, a protagonista pasa polo famoso castelo de Santo Antón e coñece outros personaxes moi interesantes. Non diría que se trata dun libro de medo, pero si de certa intriga.

Para que idades está pensada esta obra?

Eu diría que para nenos e nenas a partir de seis anos, pero a lectura é moi relativa. Hai algúns pequenos que, aínda que non saiban ler, poden entender e aprender moito cos debuxos, e cada un leva un ritmo distinto. Eu prefiro non encadralo moito. Tamén lle pode gustar a unha persoa adulta.

Con que se sente máis identificada, coa súa faceta como escritora ou como ilustradora?

Dende logo como ilustradora. É o que máis me motiva e sempre debuxo sobre o que a min me interesa. Normalmente documéntome primeiro sobre os personaxes e a época, pero a historia e o debuxo van moi ligados. Crúzanse nas primeiras partes sobre todo e, unha vez teño os personaxes debuxados, a historia xa queda na miña cabeza e todo flúe moito mellor.

Xa se anima a escribir directamente en galego?

Normalmente opto por editar a tradución na editorial para evitar faltas de ortografía, porque non son unha experta. Pero non deixo de intentalo. Penso cada vez máis en galego porque tamén me gusta empregar algunha que outra frase feita propia de aquí. Estou aberta a todo e xa iremos vendo.

E de onde saca a inspiración para publicar dunha forma tan asidua?

Creo que inflúen varios factores. O primeiro deles é que leo moito e iso axúdame a potenciar máis a imaxinación, que é do que vou tirando. Vivir aquí en Paradela, no rural, axúdame moito e dáme a soidade que necesito para argallar historias e dialogar comigo mesma.

Resúltalle complicado sacar esa parte máis infantil?

Para nada, porque penso moito na miña infancia e cando era nena tiña moita imaxinación. Creo que ao ser fillo único ás veces desenvolves máis o teu mundo interior e iso leva a crear outros espazos e a xogar coa imaxinación. Eu conecto moi ben cos nenos, tanto á hora de comunicarme con eles como cando organizo algún obradoiro. Quizais sexa porque recordo moito a miña nenez e enseguida creamos unha relación estreita. Os diálogos que manteño con eles son moito máis interesantes que os que teño con adultos en bastantes ocasións.

E, ademais deste libro, ten algún outro proxecto entre mans?

Si, hai por aí varias sorpresas agardando, pero polo momento non podo dicir nada. Tempo ao tempo, haberá que esperar un pouco. 

Comentarios