Se eu fose alcaldesa...

"Vivimos nun territorio excepcional, repleto de recursos e oportunidades que temos que desenvolver e pór en valor"

Carmen José López. EP
photo_camera Carmen José López. EP
Carmen José López
Candidata do PP en Sarria
Idade: 42 anos
Lugar de nacemento: Sarria
Primeiro ano como candidato: 2023
Afeccións: Sendeirismo, escalada, escritura


A candidata do PP á alcaldía de Sarria, Carmen José López, ten 42 anos. É avogada con experiencia profesional no asesoramento xurídico e representación de administracións públicas e no financiamento de proxectos europeos. Conta cunha dilatada traxectoria no eido do asociacionismo empresarial e o fomento do emprendemento, tendo ostentado distintas responsabilidades coma a de ter sido a presidenta da Federación Galega de Xóvenes Empresarios, representando a máis de mil empresas da comunidade autónoma que xeraban, a súa vez, preto de 7.000 empregos directos.

Carmen José López encabeza un proxecto que pretende ser a alternativa ao clima de "confrontación e crispación política" que caracterizou o panorama dos derradeiros anos en Sarria e dotar á vila dunha estabilidade que permita centrarse nos intereses reais da súa poboación.

"Vivimos nun territorio absolutamente excepcional, repleto de recursos agrícolas e gandeiros que temos que pór en valor, cun patrimonio histórico, natural e cultural envexable e unha ubicación xeográfica recoñecida a nivel mundial como punto estratéxico no Camiño de Santiago. Con estes mimbres podemos facer de Sarria unha paraxe única", afirma a alcaldable plenamente convencida de que o proxecto político do goberno local está esgotado e de que chegou a hora do cambio que tanto demandan os veciños e veciñas.

Di que afronta esta nova etapa persoal e profesional cunha grande ilusión pero, sobre todo, con moitas ganas de traballar para desenvolver proxectos novidosos e iniciativas que permitan impulsar socioeconomicamente esta vila que, dende sempre, foi o epicentro da comarca.

O seu proxecto, un aliado para os autónomos e emprendedores

A economía local susténtana en boa parte os autonómos e autónomas que apostan por desenvolver o seu labor profesional na localidade. Cada día atópanse cun lastre que é a falta de solo industrial para seguir medrando. Por iso, no proxecto que representa a candidata popular, este colectivo tan importante terá un peso moi específico. "O Concello ten que ser un aliado para eles", di a candidata, pois "Sarria ten un pasado industrial destacado na historia de Galicia e merece un presente e un futuro á altura do carácter emprendedor e inquedo da súa cidadanía". É por este motivo, polo que se compromete a "facer de Sarria un territorio atractivo para emprender e, por suposto, para vivir. Necesitamos dotalo de recursos e servizos que favorezan a creación de emprego, a calidade de vida e o dinamismo económico e social".

Servizos e infraestruturas para a conciliación

Tomou a decisión de liderar a lista electoral coa que os populares concorren ás eleccións de maio porque é preciso que os veciños dispoñan de servizos e infraestruturas que faciliten a conciliación persoal e familiar como medida a prol da igualdade, así como garantir un axeitado coidado de nenos, maiores e dependentes.

Sarria dispón de inmobles municipais baleiros e desaproveitados que "deben ser dotados de contido e pórse ao servizo da cidadanía para o seu aproveitamento". Espazos que poden converterse en dinamizadores da vida emprendedora, social ou cultural de Sarria co impacto que eso "tería nas respectivas zonas e barrios da nosa vila".

O rural, motor da economía

Para Carmen José é unha sorte o rural de Sarria, pero debe ser coidado e potenciado. "É un dos motores do municipio e temos que mirar por él e polos que traballan del, mimalo e respetalo, coidando súas infraestruturas e conexións de forma permanente e non só nos meses previos a cada cita electoral".

O mellor de Sarria, a súa xente

A sociedade sarriá é especialmente activa. Unha boa mostra desta característica é o importante número de entidades asociativas e iniciativas cidadás que deben ser apoiadas e amparadas polas administracións e, particularmente, pola administración local, que non debe ser allea, senón un axente que contribúa e aposte por este tipo de actividades que fan de Sarria un territorio vivo. Tal é así que para a candidata o mellor do seu concello é a súa xente. Por iso, defende que "no mundo global no que vivimos, e fronte á crise demográfica que azota a boa parte do territorio nacional, unicamente os municipios cun proxecto serio e adaptado ás súas particularidades poderán reter e atraer poboación".

Xestión correcta do Concello, unha prioridade

A pesar das excepcionais circunstancias e recursos da vila, "non sempre contou cunha boa xestión do actual goberno local, que non empregou correctamente os fondos municipais e os ingresos que proceden doutras administacións". Preguntada a este respecto, defende que "Sarria non pode funcionar por inercia. É necesaria unha visión compartida de pobo, con obxectivos concretos e unha folla de ruta clara para alcanzalos".

Facer do Concello unha administración áxil

A alcaldable cre que chegou a hora de que Sarria conte cun proxecto político serio, responsable e comprometido cos intereses dos sarriaos. "Fronte ás desavenencias do actual goberno local e ás formas impropias do alcalde que ata foron noticia nos medios de comunicación", Carmen José López ofrece estabilidade gobernamental e avoga por facer do Concello unha administración áxil, eficaz e resolutiva.

Obxectivo
"Sentirnos orgullosos e orgullosas de Sarria"
Carmen José López sinala que "Sarria é un pobo fermoso e merece ser atendido e tratado como tal"; de aí que o seu proxecto político vaia destinado a ofrecer un cambio de rumbo ao respecto da situación actual con políticas de actuación que poñan fin á imaxe descoidada do municipio que se ofreceu nestes derradeiros anos. "Queremos sentirnos orgullosos e orgullosas de Sarria", engade. A aspirante popular á alcaldía ten claro cal é o seu obxectivo, encamiñado a acometer unha importante transformación da vila e o concello nos vindeiros catro anos, en eidos como o urbanismo, a sostenibilidade medioambiental, os servizos sociais e a xeración de emprego, entre outros: "Os sarriaos e sarriás queremos transitar por rúas coidadas e poder desfrutar de zonas verdes, de ocio e esparcemento adecuadas onde poder socializar e facer vila e onde os nosos nenos e os nosos maiores poidan sentirse seguros e felices", conclúe.