Virginia Quiroga Montaña, a avoa de Triacastela, cumpre cen anos

A muller, que celebrou o aniversario coa familia e a visita da alcaldesa, tivo cinco fillos, que lle deron 14 netos, dous dos cales son cregos xemelgos, e oito bisnetos.
Virginia Quiroga, rodeada dos seus fillos, a alcaldesa e un edil. EP
photo_camera Virginia Quiroga, rodeada dos seus fillos, a alcaldesa e un edil. EP

Virginia Quiroga Montaña, a veciña máis lonxeva do municipio de Triacastela, cumpriu este domingo cen anos de vida e celebrouno rodeada da súa familia e coa visita da alcaldesa e dun concelleiro, que lle levaron uns agasallos en nome do Concello en tan sinalada data.

Esta muller, a maior de cinco irmáns, naceu en Lamas do Biduedo e, no 1944, casou con Jesús Río Ribera, de Vilar, na parroquia de Vilavella, onde se asentou, na coñecida como Casa de Carballo. O matrimonio tivo cinco fillos, que lle deron 14 netos e oito bisnetos.

Entre os netos de Virginia Quiroga cóntanse os xemelgos de Triacastela, José e Jesús Río Ramilo, ambos sacerdotes que exercen o seu labor en parroquias de Lugo (o primeiro deles) e do Courel e Quiroga, o segundo. Tal e como explica a súa familia, a centenaria foi sempre unha persoa moi relixiosa e "sentíase feliz" asistindo á misa que oficiaban seus netos.

Durante toda a súa vida, a muller dedicouse ao coidado da casa e de familia, así como ás tareas do campo e do gando. Sempre lle gustou moito cantar e non había día no que non tomase o seu vaso de viño acompañado de galletas.

Aos seus cen anos ten os achaques propios da idade pero, segundo conta seu fillo Jesús, aínda conserva boa vista, que lle permite ler o periódico. Caracterizouse por ser unha muller con moi boa memoria e autodidacta. Malia que só puido ir un mes á escola, pagando seu pai once quilos de trigo, aprendeu pronto a ler e facer contas.

Este domingo toda a familia viviu un día "moi especial", no que a alcaldesa, Olga Iglesias, e o concelleiro Luis Lopez Arias tamén visitaron esta veciña na casa na que vive cun fillo e un neto para obsequiala cunha placa e unhas flores.

Comentarios