Os viños da única adega do Incio reciben tres medallas nunha guía especializada

Breogán Pereiro, promotor de Terra Brava e da famosa randeeira da Ribeira Sacra, crea na súa viña un escenario "para apoiar a cultura"

Os tres viños que elabora Terra Brava, a única adega do Incio, propiedade de Breogán Pereiro Rodríguez, veñen de colleitar senllas medallas de ouro na Guía de Vinos, Destilados y Bodegas de Galicia, de Luis Paadín.

Trátase do xove Terra Brava O Incio, que comercializa dende o inicio do seu proxecto hai xa oito anos, e dos viños Xastre e Lagar do Breo, cos que comezou no 2017. Este último, do que produce arredor de 900 botellas, xorde do caíño longo, "unha variedade moi antiga galega que empezamos a recuperar e coa que estamos levando sorpresas moi gratas co potencial desta uva", sinala o adegueiro, que aspira nun futuro a conseguir cos seus caldos un "gran ouro".

Xastre componse nun 85% de mencía, completado con garnacha e brancellao. A produción oscila entre 2.500 e 3.000 botellas dependendo da tempada, se ben este ano, por mor das xeadas, optou por non sacar este crianza.

Os seus viñedos localízanse en Doade (Sober), en plena Ribeira Sacra, aínda que non se inclúen na denominación de orixe por atoparse a adega no Incio, feito que para Breogán Pereiro non ten maior relevancia. "Eu busco facer bo viño, o selo dame igual", di.

Os seus intereses están máis orientados a apoiar a cultura e dar a coñecer o traballo do viticultor. "Parto da base de que vendemos viño e regalamos cultura", afirma. Con esta filosofía non é estraño que acadase gran sona a randeeira instalada na súa viña, que permite ao visitante balancearse sobre os canóns do Sil ante unhas vistas impresionantes. Afeccionado ao parapente, Breogán Pereiro explica que montou este bambán para uso propio porque era "o máis parecido a voar" sen moverse do traballo. A difusión que acadou foi tal que este verán comezou a organizar unhas visitas das que xa gozaron máis de 3.000 persoas. "Buscamos que a xente vexa as tripas que conleva unha botella e dar a coñecer esta ladeira con tanto encanto", resume.

Mentres idea novos proxectos, acaba de crear un pequeno escenario no seu lagar para "botarlle unha man á cultura". A idea deste viticultor e músico é poder organizar actuacións para grupos reducidos con protocolos de seguridade e "nun dos mellores escenarios do mundo, que non é o que eu fixen, senón a paisaxe que temos".

Comentarios