A historia de Villa Andrea, moito máis ca un palacete no corazón de Sarria

A vivenda, vinculada á familia de Matías López, acolleu persoeiros ilustres como Emilia Pardo Bazán e foi hospital na Guerra Civil.

Estado actual da Casa do Marqués, en Sarria. PORTO. jpg
photo_camera Estado actual da Casa do Marqués, en Sarria. PORTO. jpg

Coñecida popularmente como Casa do Marqués, Villa Andrea é (con permiso da Fortaleza) un símbolo de Sarria. Este singular palacete, hoxe de propiedade pública, está intrinsecamente unido á historia do industrial chocolateiro e filántropo Matías López e agocha no seu nome toda unha homenaxe a quen foi a súa dona, Andrea Andrés Sánchez, gran benefactora da vila.

Xa dende a súa orixe, Villa Andrea foi moito máis ca unha casa de vacacións. As súas estancias acolleron persoeiros da época coma Emilia Pardo Bazán, a piques estivo de pernoctar neste edificio o mesmo Alfonso XIII e as súas paredes foron testemuña de múltiples actos sociais e reunións a favor da cultura e do progreso de Sarria. Hospital provisional para soldados feridos durante a Guerra Civil, nesta construción deu tamén os seus primeiros pasos o colexio de La Asunción e no ano 1951, con motivo do incendio que arrasou o mosteiro de Samos, foi ofrecida para acoller os monxes, segundo explica o investigador Xaime Félix López Arias, Arlindo.

A data da súa creación non se coñece con exactitude, do mesmo xeito que tampouco se sabe con certeza quen foi o arquitecto que deseñou este edificio, que goza de protección polas súas peculiaridades arquitectónicas. O Seminario de Estudos Sarriaos Francisco Vázquez Saco sitúa a súa construción entre os anos 1883 e 1886, a cargo posiblemente de recoñecidos profesionais madrileños.

Pensada como casa de veraneo, Villa Andrea foi alzada ao estilo das Quintas dos Madrileños nun amplo solar con fronte á entón chamada estrada de Valdeorras (hoxe Rúa Matías López), en pleno centro da vila. Ademais do edificio principal, formaban o conxunto outras edificacións como a Casa do Hortelán (residencia da familia encargada do mantemento da finca), corte, cocheira ou a capela do Perpetuo Socorro, sede na actualidade da confraría do Santo Enterro e a Soidade.

Na vivenda forxáronse as publicacións 'El Estrellao' e 'Sarria' e nela os veciños viran por primeira vez unha antena e un televisor

 

No arco de entrada á Praza da Vila consérvase o nome de Villa Andrea, mais outras características da construción orixinal foron cambiando co tempo. Segundo Arlindo, "ao longo da fachada principal había un estreito espazo axardinado con reixa baixa e cancela. Cando a familia estaba en Sarria instalaban alí, a carón da porta, dúas esculturas de escravos, un nubio e un exipcio, con fachos de luz na man. Na parede da casa había unha lápida na que lle dicían aos nenos que non destruísen os niños dos paxaros. Ese xardinciño e o muro do parque foron derrubados cando se fixo o ancheamento da Rúa Matías López".
Casa do Marqués, en Sarria. EP
O industrial chocolateiro por excelencia pasou as tempadas estivais nesta casa ata o seu falecemento no ano 1891. Aínda que nacida en Madrid, Andrea Andrés non deixou de visitar Sarria tras a morte de seu home e, xunto con fillas e xenros, seguiu residindo na vila varios meses ao ano. Tal foi a vinculación da familia, que un dos netos de Matías López, Matías de Oñate López, naceu en Sarria e acabou por herdar Villa Andrea. A el se debe o nome popular de Casa do Marqués, xa que como consorte de Ana Prendergast recibiu o título de marqués de Ugena. "Algúns autores falan impropiamente da Casa do Marqués de Sarria, dato este totalmente errado, xa que o marqués de Sarria era o primoxénito dos condes de Lemos", aclara Arlindo, quen lembra que Matías López tampouco ostentou nunca a condición de marqués, xa que declinou a concesión de títulos.

A presenza da familia en Villa Andrea era sempre ben recibida en Sarria. "As chegadas e despedidas anuais eran todo un acontecemento social, con participación dos membros do Concello, recibimento popular con banda de música, alumeado artístico, serenatas e festas de noite», recolle o investigador. Segundo indica, alí se forxaron iniciativas como as publicacións El Estrellao e Sarria e foi nesta casa onde por vez primeira os sarriaos viron unha antena e un televisor que só emitía para Madrid e a súa contorna. "Foi entón cando Sarria entrou no mundo das ondas da televisión como acto de fe, crendo no que non se vía nin se escoitaba", engade.


De titularidade pública desde os 80, hoxe alberga varias asociacións e aspira a ser tamén oficina de turismo


O Seminario de Estudos Sarriaos ten constancia de varios momentos sinalados na historia de Villa Andrea. Un deles foi a acollida no 1899 á escritora Emilia Pardo Bazán e outro a celebración das vodas de ouro dos marqueses de Ugena no 1958. No 1907, con motivo das manobras militares en Bóveda, barallouse a opción de que Alfonso XIII pernoctase en Villa Andrea, pero o plan acabou desbotado por motivos de seguridade, evitando así que o rei tivese que pasar en tren polo túnel de Oural.

Co paso dos anos, as propiedades foron vendidas a varios particulares. O edificio principal pasou a mans dun veciño e nos anos 80 do pasado século o Concello expropiou a vivenda e os terreos anexos para construír a Praza da Vila.

A Casa do Marqués ou Villa Andrea é hoxe sede do Centro de Información á Muller (CIM) e de varias asociacións. Este mesmo ano foi sometida a unha reforma de fachadas cun custo duns 120.000 euros e agora resta por acondicionar o seu deteriorado interior. Vinculado desde sempre á historia de todo un pobo, este palacete público aínda ten moito que dicir, xa que nel prevese a apertura no futuro dunha oficina de turismo.

Andrea Andrés dotou a Sarria dun hospital
Aínda que descoñecida para moitos, a figura de Andrea Andrés tivo unha importancia fundamental para a Sarria de principios do século XX. A dona do empresario chocolateiro Matías López foi a grande artífice da creación dun hospital na vila, cuxo proxecto lle encargou a Valentín Roca Carbonell, da Academia de Belas Artes de San Fernando. Segundo datos de Xaime Félix López Arias, a obra tivo un custo de 54.500 pesetas e, unha vez rematada, foille entregada ao Concello de Sarria, que nomeou a Andrea Andrés Filla Adoptiva e Predilecta e o seu retrato figura na galería de sarriaos ilustres no salón de plenos do consistorio.

Residencia de maiores No lugar no que se levantaba aquel hospital atópase na actualidade a residencia de maiores Nosa Señora do Carme.

Esta benefactora, que obtivo o título nobiliario de marquesa de Casa López, dálle nome a unha das rúas da vila. Faleceu en Madrid no ano 1909.

Comentarios