José Antonio Corujo, unha vida dedicada ao deporte

Xubílase como profesor de Educación Física tras toda unha vida transmitindo a través das súas clases os valores e os hábitos deportivos á xuventude de Sarria
José Antonio Corujo (na fila do fondo, no centro, cos seus compañeiros de profesión no IES Xograr Afonso Gómez. EROS LÓPEZ
photo_camera José Antonio Corujo (na fila do fondo, no centro, cos seus compañeiros de profesión no IES Xograr Afonso Gómez. EROS LÓPEZ

José Antonio Corujo xubílase despois de toda unha vida dedicada a transmitir as bondades do deporte como profesor de Educación Física. O alumnado do Ceip Frei Luis de Granada e do IES Xograr Afonso Gómez demostrou sempre o querido que era o docente nos centros.

José Antonio Corujo asegura que "tiven a sorte de elixir a mellor profesión que encaixaba dentro do meu perfil". O importante durante toda a súa experiencia laboral foi "o sorriso das persoas cando fan as actividades, esa é a maior recompensa".

O propio docente explica que "todo o que facemos en Educación Física vai dende un enfoque humanista, sempre integrando a todo o mundo, onde a competición é importante pero non é o fundamental". Afirma que o máis importante durante o seu labor foi "crear uns hábitos saudábeis que os rapaces e rapazas poidan manter durante o resto da súa vida".

A súa influencia quedou latente en Sarria debido a que foi o fundador do club de atletismo que, durante anos, tivo o Ceip Frei Luis de Granada. Ademais, foi o creador da Milla Urbana, carreira que aínda se segue celebrando cada 31 de decembro pola vila.

Para José Antonio Corujo, estas iniciativas "foron unhas vías para canalizar todo o que se estaba traballando. A competición ten o seu lado positivo que é o espírito de superación". Destaca o "afán social" que ten a competitividade, xa que "fai que queiras compartir a experiencia con outra xente".

O profesor recorda o "bo equipo que houbo tanto de atletismo coma de duatlón". Non é para menos, xa que o club conseguiu moitos títulos e medallas. Ademais, algunhas delas traducíronse en torneos de alto nivel, coma por exemplo Iván Cáceres, campión do mundo de Ironman no ano 2019.

José Antonio Corujo remarca que o valor de todas estas iniciativas está "na propia actividade, na creación de hábitos e no apoio entre todos os participantes", o cal define coma o "obxectivo e a recompensa".

Nas súas actividades tamén destaca a ensinanza a todos os seus alumnos sobre deportes que non están no gran radar, coma por exemplo o fútbol gaélico. "A innovación non é soamente cinguirse a aquelas actividades clásicas, senón abrir outros campos. A Educación Física tamén é cultura, sobre todo no canto dos deportes autóctonos", declara o docente.

Durante todo o seu tempo dentro da ensinanza, destacou por inculcar o "respecto cara ao adversario, xa que é contra quen xogas. Xogar sen ter un equipo en contra non tería graza e hai que ter os valores como máxima".

Os seus compañeiros de profesión fan fincapé no "gran cariño" que, tanto eles coma os propios alumnos, lle teñen a unha persoa que, dende as aulas, marcou coa súa influencia a toda a vila no canto da actividade deportiva.