Unha viaxe pola historia da gaita

Unha mostra na antiga prisión de Sarria exhibe ata o día 17 máis de 50 instrumentos deste tipo da Península e das Illas Baleares. A exposición, organizada polo Centrad, fai un percorrido pola súa orixe, a súa construción e a variedade de modelos
Unha das gaitas máis antigas que se inclúe na mostra. PORTO
photo_camera Unha das gaitas máis antigas que se inclúe na mostra. PORTO

Todos aqueles que se acheguen ata a antiga prisión de Sarria ata o día 17 poden gozar dun percorrido pola historia dun dos instrumentos centrais da música tradicional galega, a gaita. Promovida por Vicepresidencia da Deputación a través do Centro de Artesanía e Deseño (Centrad), a mostra exhibe máis de 50 gaitas de fol da Península e das Illas Baleares, así como outros instrumentos musicais que a acompañaron ao longo da historia.

A exposición, que é coordinada por Pablo Carpintero e Rosa Sánchez, pódese visitar de luns a venres, de 9.15 a 14.00 horas. Para programar visitas noutros horarios é preciso consultalo nos teléfonos 982.53.06.68 ou 982.53.50.00. A mostra foi inaugurada na tarde de onte polo deputado de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, coa participación de numerosos veciños e membros do goberno municipal encabezados polo alcalde, Claudio Garrido.

Concerto de Pablo Carpintero e Rosa Sánchez. PORTO
Concerto de Pablo Carpintero e Rosa Sánchez. PORTO

Na exhibición amósanse uns 300 instrumentos, entre eles máis 50 gaitas antigas ou réplicas. Ademais, ten 30 paneis explicativos da súa historia e as características das culturas que a empregan.

Este percorrido pola gaita comeza coas súas orixes "a partir dos antigos instrumentos soprados directamente coa boca", explicaron desde Vicepresidencia. Entre eles están modelos de "gaitas moi primitivas", como do norte de África, Galicia ou medievais.

A mostra tamén permite coñecer como aprendían os nenos a tocala, iniciándose, por exemplo, coas gaitas de palla. Outra zona da exposición está centrada na construción destes instrumentos, un proceso que "non variou substancialmente dende a Idade Media ata principios do século XX", indicaron. Unha parte dedícase tamén ao desenvolvemento da gaita galega moderna. Nos anos 60 Basilio e Olimpio Carril deron co modelo e a palleta que se utilizan na actualidade.

Pódense ver réplicas de instrumentos moi antigos, como aulòs do Louvre ou pipas de Ur.

Instrumentos usados para a aprendizaxe dos gaiteiros. PORTO
Instrumentos usados para a aprendizaxe dos gaiteiros. PORTO

A exposición fai, ademais, un percorrido polas diversas gaitas do territorio español, como asturianas, galego-asturianas, leonesas, chairegas, do Baixo Miño, da Galicia central, das Illas Baleares ou de Aragón, entre outras moitas. As máis antigas que se poden ver na mostra son unha da Limia, fabricada a mediados do século XIX, e outra da Chaira, que foi construída arredor do ano 1860.

Tamén son protagonistas os instrumentos que acompañaron ás gaitas. Segundo sinala Vicepresidencia, na Idade Media e o Renacemento tocábase soa, con óboes ou acompañada por instrumentos femininos, dos que se exponen máis de 30. No Barroco apareceron "tamboriteros de frauta e tambor, un feito que acabou por conducir ao seu acompañamento con grandes tambores militares". Xa a finais do século XIX foron caixas, bombos ou clarinetes.

A exposición fai fincapé nos instrumentos que empregaron as mulleres para acompañar á gaita, como pandeiras, pandeiretas, ferreñas ou pandeiros. Elas "foron o soporte fundamental da nosa música máis cotiá", apuntaron.

Comentarios