Unha viaxe pola cultura do ferro

A Casa da Ponte de Triacastela, que data do século XVI e que recrea a antiga forxa, está a ser convertida nun centro de interpretación
undefined
photo_camera Miguel García (dereita) e un visitante, na reconstruída forxa do edificio. A.C.V

A Casa da Ponte de Triacastela, unha antiga ferrería do século XVI, será convertida nun centro de interpretación do ferro na montaña luguesa grazas ao empeño persoal do seu propietario, Miguel García, e do xornalista José Manuel Salgado, concienciados ambos coa protección do patrimonio e a divulgación histórica.

García, natural do Incio e veciño das Nogais, comprou hai uns anos este singular edificio xunto ao Camiño Francés, que tamén funcionou como mesón e hospital de tránsito para atender a soldados enfermos que loitaban na Guerra da Independencia. Entre esas paredes repousaron ao longo do historia numerosos peregrinos, aproveitando para ferrar as súas monturas e dando fe dunha actividade que se remonta no tempo.

A Casa da Ponte, das máis emblemáticas de Triacastela, ocupa terreos do antigo coto xurisdicional da Balsa, propiedade da igrexa compostelá. Nesta zona vivía no 1591 o artesán Juan García -quen fixo as reixas da capela maior de Santo Estevo de Ribas de Sil- e, no século XVIII, contabilizábanse ata once ferreiros, o que supoñía case a metade da súa poboación.

Generated by  IJG JPEG Library
Exterior da vivenda, considerada un dos edificios máis emblemáticos de Triacastela. VILA

Relacionada con esta longa tradición está a ferrería deste inmoble, que Miguel García restarou con esmero. Segundo conta, estando un día traballando na vivenda apareceu por alí, cámara oa lombo, José Manuel Salgado, quen preparaba un libro sobre o ferro.

O dono da casa contoulle que alí apareceran unhas escouras, que Salgado identificou como moi valiosas pola súa antigüidade. Foi o inicio dun proxecto en común que permitirá a apertura, o vindeiro ano, do Centro de Interpretación Ferrería da Ponte, un proxecto que se deu a coñecer onte e no que colaboran tamén o Concello de Triacastela e outras administracións.

A antiga forxa foi reconstruída na súa localización orixinal dentro do edificio, con pezas como a incre e o barquín, necesarias para o traballo de ferreiro. Pero, ademais, recreouse unha ferrería de monte, que polo xeral consistía nun forno cónico de arxila e pedra, cunha cheminea central e un orificio de acceso na parte inferior.

Generated by  IJG JPEG Library
Ferrería de monte recreada no centro de interpretación de Triacastela. VILA

Mosteiro de Samos. Na Idade Media comezaría o uso dos mecanismos hidráulicos, en cuxa rápida difusión tiveron moito que ver algunhas importantes abadías. Segundo apunta Salgado, o mosteiro beneditino de Samos foi neste aspecto "un emporio industrial", chegando a posuír ata sete grandes ferrerías (seis en territorio lucense e unha en Ourense), un caso único en Europa.

Aqueles tempos de puxanza da siderurxia deixaron pegada nos concellos da contorna coa pervivencia de apelidos de orixe vasco ou navarro -como Arza ou Vilariño-, lugares de procedencia de moitos dos artesáns.

Todo o relacionado coa cultura do ferro na montaña luguesa terá agora cabida neste centro de interpretación, onde xa se poden ver paneis explicativos. A Ferrería da Ponte, "establecemento siderúrxico excepcional" e froito dunha coidada restauración, volve á vida.

Comentarios