Os versos de Fiz enchen a Praza da Vila

Máis de 400 alumnos e mestres de doce centros da comarca de Sarria celebraron conxuntamente o Día da Poesía. O acto estivo adicado ao poeta da Lóuzara Xabreira, para o cal reclamaron as Letras Galegas
photo_camera Os participantes portaron pancartas alusivas ao Día da Poesía ou a reivindicación das Letras Galegas para Fiz. VILA

Os versos de Fiz Vergara Vilariño encheron este luns a Praza da Vila de Sarria na voz de nenas e nenos de toda a comarca. A "palabra grande" do poeta samanense congregou a máis de 400 alumnos e mestres de doce centros de ensino para celebrar conxuntamente o Día da Poesía e reivindicar a concesión "xa dunha vez" das Letras Galegas para o autor de Orfo de ti en terra adentro ou Nos eidos da bremanza, de cuxo pasamento se cumprirán 25 anos en verán.

A biblioteca Fiz Vergara do IES Gregorio Fernández organizou este acto, no que colaborou o Concello de Sarria e ao que se sumaron os centros Frei Luis de Granada, La Asunción, La Merced, Antonio Fernández de Oural, Ricardo Gasset do Incio, San Miguel de Paradela, Ramón Piñeiro da Pobra de San Xiao, EEI Xela Arias, IES Xograr Afonso Gómez e colexios públicos de Samos e do Páramo.

Estudantes de todos eles recitaron versos do poeta da Lóuzara Xabreira —como el mesmo bautizou a súa terra natal— nun fermoso encontro conducido polo músico e escritor Xurxo Souto, quen tamén é mestre no Gregorio Fernández. Compartiu esta función con Eduardo Rey, docente no mesmo instituto e amigo de Fiz.

Ambos interpretaron un soneto con voz e guitarra, musicado para a ocasión por Xurxo Souto. Quixeron adicarllo a Imelda Vergara, quen asistiu emocionada a "un día moi feliz" en recoñecemento e lembranza de seu irmán.

Mais non foi a única parte musical da homenaxe, na que todo o público acompañou repetidas veces á profesora Patricia Coucheiro nunha particular versión da Terra das Tanxugueiras adaptada ao Día da Poesía e con baile da tamén mestra Mercedes Veiga.

Tocaron, ademais, varios alumnos do instituto Xograr Afonso Gómez, que acaban de crear o grupo musical Siniestro Parcial.

Varias rapazas, durante o acto celebrado en Sarria. VILA

Os distintos centros de ensino implicáronse neste evento conxunto, no que exhibiron pancartas coa imaxe de Fiz Vergara ou coa petición do Día das Letras Galegas. Todos os asistentes levaron tamén cartóns enrolados cos que lanzar ao aire, literalmente, "poesía por un tubo". Foi así como na Praza da Vila resoaron unha e outra vez os versos de Fiz, algúns deles cargados de significado: "Tan só o amor é revolución", berraron ao unísono 400 voces.

O Concello elixiu tamén esta xornada para entregar os premios do certame infantil de poesía de Nadal, que gañaron Abril López Arias, Leyla López López, Ignacio Reboiro Rodríguez, Jairo Gómez López, Lúa López Tallón, Noa Losada Melle, Sara López González, Alma Martínez Álvarez e Marina Rivas Rodríguez.

"A Praza da Vila é xa un territorio poético conquistado para sempre grazas ao voso talento", afirmou Xurxo Souto, quen cualificou de "impresionante" o acto. "Esta é a maior revolución poética de todos os tempos", proclamou.

"É un día de alegría e felicidade porque a xente miúda de Sarria e da contorna descobre a palabra grande de Fiz Vergara nun contexto festivo, creativo e nunha experiencia compartida", engadiu.

Souto definiu Sarria como "unha terra de talento" e expresou o desexo de que os versos do poeta samanense inspiren a outros mozos e mozas para emprender "ese camiño da poesía e da palabra" que "fai feliz a moitas persoas".

Comentarios