"Isto foi só o inicio do que podería ser o Camiño Eufrasiano nun futuro", afirmou Carme Aira, a secretaria da asociación cultural As Cavarcas do Incio que, en colaboración coa área de Medio Rural da Deputación de Lugo, organizou o pasado domingo unha andaina dende o mosteiro de Samos ata Val do Mao para poñer en valor a ruta que une as terras de Andújar con Galicia, en especial co municipio do Incio debido á historia que garda a igrexa de Santa María de Val do Mao, onde tivo lugar o enterramento do apóstolo San Eufrasio, a figura que vincula ás dúas localidades.
Deste xeito, o pasado domingo formaron parte deste tramo do Camiño Eufrasiano un total de 52 veciños e veciñas que quixeron coñecer e reivindicar o enorme patrimonio material e inmaterial que alberga esta variante "esquecida para moitos", tal e como explica Carme Aira, que di que o seu obxectivo agora é unir forzas para conseguir a sinalización e a oficialización da ruta pola que tantos anos leva loitando tamén a Asociación Amigos del Camino de Santiago de Andújar,‘Andújar Jacobea’.
"Gustaríanos organizar outra para o ano que vén aquí con eles e poñer puntos en común", sostén a secretaria, que di que esta andaina foi unha moi boa oportunidade para "entrar en contacto co noso pasado e darnos conta de todo o que albergamos no Incio, que non é pouco". E é que durante a ruta, os participantes recordaron que, durante os anos 50, moitos andaluces botábanse a andar facendo o Camiño de Santiago para venerar a San Eufrasio, en especial nas romerías celebradas polo 15 de maio, o día do patrón en Andújar.
Ademais, os defensores da variante aseguran que este camiño conecta dous grandes centros de peregrinacións mundiais en España como son a Basílica y Real Santuario de Nuestra Señora de la Cabeza e Santiago de Compostela. Case trinta anos despois da irmandade entre Andújar e O Incio, eles defenden que "é o momento de darlle para adiante" e continuar co legado que o apóstolo deixou nas súas terras, sendo, durante moitas décadas, motivo de importantes peregrinacións.
O percorrido
Tal e como explican dende a Asociación Amigos del Camino de Santiago Andújar, a ruta eufrasiana comeza en Andújar (xusto no templo de San Eufrasio) e na súa primeira etapa chega ata o Santuario de Nuestra Señora de la Cabeza. Na segunda termínase en Cardeñas para enfilar o municipio de Villanueva de Córdoba, onde se vai ata Alcaracejos, dende onde se enlaza co camiño Mozárabe.
Logo, dende alí pódese tomar o camiño Mozárabe tradicional ou o de Trujillo e xa se colle cara á Vía da Prata para arribar a Astorga e introducirse polo Camiño Francés. O traxecto desvíase a Val do Mao e en Samos retornaríase ao Camiño de Santiago. O camiño supoñería unha media diaria de 30 quilómetros por día coas súas respectivas paradas, aínda que podería variar en función do tempo co que se conte.