miércoles. 01.12.2021 |
El tiempo
miércoles. 01.12.2021
El tiempo

Val de Láncara recoñece o labor das súas directivas dende o ano 1992

Os homenaxeados, no miradoiro da Pedreira, onde se instalou unha placa conmemorativa. EP
Os homenaxeados, no miradoiro da Pedreira, onde se instalou unha placa conmemorativa. EP
A asociación cultural homenaxea a todos aqueles que puxeron en marcha iniciativas como o premio Facer País ou a Festa da Malla

A asociación cultural Val de Láncara non esquece de onde vén. A nova directiva, formada por un grupo de xente nova, quixo renderlle unha homenaxe a todos aqueles que os precederon e que, dende a fundación deste colectivo no 1992, puxeron en marcha iniciativas tan consolidadas como o premio Ramón Piñeiro, Facer País que fan desta parroquia un lugar destacado na cultura galega.

O miradoiro da Pedreira, dende onde se albisca todo o val, foi o escenario deste recoñecemento, e alí se instalou unha placa conmemorativa na que se pode ler: "Grazas por facer de Láncara un fogar ao que sempre querer voltar".

Carlos López Sierra, exsecretario da asociación, tivo palabras de recordo para algúns que xa non están, como Manuel Fernández Arrojo, Manolo de Benita, "que traballou incansablemente" por este colectivo. Durante a súa intervención, repasou algúns dos logros acadados nestes anos, como a área recreativa da parroquia, o miradoiro da Pedreira ou a Festa da Malla, "un dos actos que máis xente congregou no pobo".

Aludiu tamén á creación do grupo de gaitas, a chegada dos Reis Magos en barcas polo Río Neira ou a recepción oficial en Cuba aos membros de Val de Láncara. "Conseguiuse que unha pequena asociación da Galiza profunda fora recibida por Fidel Castro no Palacio da Revolución con honras de Estado", afirmou López Sierra.

O exdirectivo agradeceu o apoio "do pobo de Láncara", da Xunta, a Deputación, o Concello, a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega, que durante anos prestou as súas instalacións para presentar o premio Facer País.

Tamén lembrou a axuda de Isaac Díaz Pardo (que abriu a listaxe de personalidades distinguidas con este galardón), Valentín Arias, Manuel Rivas, Xaime Félix López Arias ou Marica Campo, entre outros moitos colaboradores.

López Sierra rematou facendo un chamamento a respaldar a nova directiva, á que animou a «inspirar a xente» para dentro duns anos "ter un relevo tan bo como o que nós tivemos".

Legado. Os novos responsables da asociación quixeron con este acto recoñecer todo o labor feito e deixar claro que seguen contando con aqueles que os antecederon. "Foi un agradecemento por todo o que fixeron por Láncara e pola súa xente. Deixaron un gran camiño feito, pero queda moito por andar. Seguimos co seu legado", sinalaron dende a nova directiva, que vén de recuperar o premio Facer País tras un ano de parón por mor da pandemia, recaendo nesta edición no grupo Luar na Lubre.

A homenaxe aos antigos directivos comezou no miradoiro da Pedreira, amenizado polo grupo de música da asociación, e continuou na escola de Láncara, onde se proxectaron fotos e se celebrou un xantar con magosto.

O evento serviu tamén como inauguración da reforma deste antigo colexio, que contou cunha subvención de 46.000 euros da Deputación de Lugo para acondicionar os aseos e unha sala para actividades sociais e culturales.

Val de Láncara recoñece o labor das súas directivas dende o ano 1992
Comentarios