Máis de 700 voces entoaron este mércores ao unísono na Praza da Vila de Sarria os poemas de Manuel María O cuco e O carro, musicalizados por Suso Vaamonde e Baldomero Iglesias, respectivamente. Alumnado dos trece centros de ensino da comarca uníronse así por segundo ano consecutivo nunha gran celebración conxunta do Día da Poesía, que nesta nova edición quixeron dedicar ao autor chairego.
Os versos de Manuel María cobraron vida da man dos estudantes da Escola de Educación Infantil Xela Arias, os CPR A Asunción e A Merced de Sarria, o CPI Ramón Piñeiro de Láncara, os Ceip Antonio Fernández López de Oural, Frei Luis de Granada de Sarria, Eduardo Cela de Triacastela, Ricardo Gasset do Incio e San Miguel de Paradela, os colexios de Samos e do Páramo e os institutos Xograr Afonso Gómez e Gregorio Fernández de Sarria, nunha mañá solleira na que lanzaron poemas ao ar.
Esta festa comarcal da poesía estreouse o pasado ano, no que os centros de ensino reivindicaron a concesión do Día das Letras para o poeta de Lóuzara (Samos) Fiz Vergara Vilariño, de quen toma o seu nome a biblioteca organizadora do acto, xunto co equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Gregorio Fernández.

Aquela experiencia resultou tan positiva que non dubidaron en repetir, aumentando nesta ocasión o número de participantes ata superar os 700. Colexios pequenos como os de Triacastela ou Samos desprazáronse ao completo mentres que outros máis grandes achegáronse ata a Praza da Vila co alumnado de varios cursos.
Nos días previos prepararon nas clases os poemas que ían ler -nun dos casos co acompañamento ao piano do estudante Carlos Vilariño-, ao tempo que elaboraron pancartas e decoraron tubos de papel a través dos cales berraron versos ao ceo. Tamén ensaiaron unha coreografía e as cancións O carro e O cuco, que interpretaron conxuntamente coa profesora Patricia Coucheiro e o alumno Marc Toirán nunha xornada conducida polo docente Eduardo Rey.

CERTAME POÉTICO. O Concello de Sarria, colaborador do evento, fixo entrega dos premios do certame infantil de poesía de Nadal da biblioteca Camilo Gonsar, que recaeron en César López Fernández, Lois Regueiro López, Raúl López Vázquez, Sheila Gato Piñeiro, Carla Maside Piñeiro, Andrea Martínez González, Paula Valcárcel Enríquez, Melani Fernández Soares e Milín Balboa González. Todos eles recibiron os seus galardóns de mans da concelleira de Educación, Geni Valcárcel, e da responsable da biblioteca municipal, Esther Ramos.
Os centros de ensino da comarca valoraron esta iniciativa, que lles permite gozar "dun día de encontro" entre alumnos dos distintos concellos e de todas as idades co obxectivo común de enxalzar a poesía. "Aos nenos gústalles moito, no caso dos máis pequenos musicalizada", constatou o director do colexio de Triacastela, quen lembrou que "esta é unha zona con moita herdanza poética".