Uns 300 moteiros participaron na recuperada concentración dos Mouchos

Os asistentes ao encontro de Paradela recordaron a Roberto Rubio, Manuel Díaz e outros compañeiros
Concentración dos Mouchos en Paradela. VILA
photo_camera Participantes na concentración, ao seu paso por Triacastela. VILA

Uns 300 moteiros participaron esta fin de semana na concentración organizada polo motoclub Os Mouchos de Paradela, que se recuperou despois de catro anos sen poder celebrarse.

Durante tres días, fixeron rutas pola zona que os levaron ata concellos como Triacastela ou Portomarín, onde foron recibidos polos respectivos alcaldes, que os invitaron a volver o vindeiro ano. Ademais, asistiron aos actos das festas patronais de Paradela na honra da virxe das Dores e á feira de artesanía de Triacastela.

Este domigno, último día da concentración, tiveron un recordo especial para todos os compañeiros falecidos e, en especial, para Roberto Rubio, veciño de Paradela, e Manuel Díaz, de Sarria, que perderon a vida na carretera recentemente e en cuxa memoria gardaron un minuto de silencio.

Na despedida do encontro moteiro houbo premios para os participantes máis novos e os de maior idade, así como para a persoa chegada dende máis lonxe, neste caso de Castellón. Tamén recibiron recoñecementos os motoclubs Sarria Bikers, Val do Ulla e Os Trompetillas por ser os máis numerosos.

Os organizadores amosáronse moi contentos co desenvolvemento da concentración, que contou tamén cun coche especial de tres rodas.

Os Mouchos prevén repetir o vindeiro ano, ao tempo que amosaron o seu agradecemento a todas as empresas colaboradoras, así como aos concellos de Paradela, Portomarín e Triacastela pola súa axuda.

Comentarios