Decenas de veciños, familiares e personalidades chegadas desde outros puntos do país arrouparon este xoves a Lola Vázquez no acto de presentación do libro que recolle a traxectoria vital e profesional do seu bisavó, o ilustre chocolateiro Venancio Vázquez, natural de Sarria e cuxo centenario do seu falecemento se cumpre este mesmo ano. Foi unha multitudinaria cita celebrada en Villa Aurelia, sede da sociedade recreativa e cultural La Unión.
A obra escrita polo cronista Gregorio Sánchez Meco xurdiu a petición da familia do empresario sarriao tras ler Cuando El Escorial olía a chocolate e fai unha viaxe polas orixes dun emprendedor que reuniu éxitos practicamente desde a súa chegada a Madrid, onde fixaría a súa fábrica de chocolate, na rúa Caracas, e a de galletas, en Pozuelo de Alarcón.
Máis tarde, en 1902, marca un fito coa constitución de La Fortuna, unha sociedade anónima que asentou un modelo do que apenas se oíra falar, convertendo 600 comerciantes da capital en socios.
A el se lle deben edificios emblemáticos como Villa Aurelia, levantada en 1889 na honra da súa primoxénita falecida dous anos antes
A pesar dos seus importantes logros, impulsando o Centro Galego de Madrid, do que foi o seu primeiro presidente, e chegando a ser concelleiro no consistorio madrileño, Venancio Vázquez xamais perdeu o seu vínculo con Sarria.
Tanto é así que é na vila onde repousan os seus restos e era o lugar no que pasaba boa parte dos veráns. De feito, impulsou a creación da Cámara de Comercio e Industria de Sarria, en 1908, e a el se lle deben edificios emblemáticos como Villa Aurelia, levantada en 1889 na honra da súa primoxénita falecida en 1887, cando contaba cinco anos. Un lugar que converteu en punto de encontro de moitos ilustres, ata do propio rei Alfonso XIII.
Que Venancio Vázquez, sobriño á súa vez doutro gran chocolateiro como foi Matías López, estaría orgulloso de que Villa Aurelia siga sendo punto de esparcemento cultural e social foi algo no que coincidiron a súa bisneta e os presentadores do evento: a xornalista de El Progreso, Ana Casanova; o alcalde, Claudio Garrido, e o presidente de La Unión, José Quiñoá.
Todos eles puxeron en valor a figura dun "empresario modélico" que levou o nome da vila que o viu nacer máis alá das súas fronteiras e que co seu carácter emprendedor e innovador conseguiu representar o "ADN dos sarriaos".