jueves. 26.11.2020 |
El tiempo
jueves. 26.11.2020
El tiempo

Un espazo para a creatividade

Un dos postos que participaron no mercado do Garaxe. VILA
Un dos postos que participaron no mercado do Garaxe. VILA
Sete marcas de deseño galego de roupa e complementos amosan o seu traballo no Garaxe de Sarria

Co obxectivo de "ofrecer algo diferente na vila" celebrouse onte no Garaxe de Sarria un evento coa creatividade como protagonista. Ata sete deseñadores galegos de roupa e complementos amosaron os seus produtos neste espazo multidisciplinar, no que tamén houbo música e gastronomía da man de especialistas locais. 

O Garaxe naceu este mesmo ano nun baixo de 385 metros cadrados da avenida de Becerreá, coma un proxecto dos sarriaos Víctor Formoselle, Noelia Gómez e Eva Pombo para acoller actos culturais, de formación ou de ocio. 

Na xornada de este domingo estreouse cunha ambiciosa proposta que tivo os parabéns dos asistentes. "Está moi ben que alguén se atreva a facer algo distinto no pobo", expresou un dos participantes. 

A iniciativa consistiu nun mercado no que as sete marcas representadas deseñan e elaboran os seus propios produtos, todos eles feitos en Galicia. Dende cidades coma A Coruña, Santiago, Pontevedra ou Lugo achegáronse ata Sarria os creadores de Gui_Bag, Índica&Nórdica, La Chapera, Leandro Barea, Muchachicha, Perdona Bonita e Sopa de Nuez. 

Xunto aos seus deseños houbo tamén gastronomía a cargo do restaurante Ponte Ribeira do hotel Alfonso IX, que ofreceu un vermú cun cortador de xamón e catro variedades de tapas elaboradas polo cociñeiro Thadeu Castro. 

A parte musical tamén correu por conta de veciños da vila coa presentación en sociedade de Los Blandengues, formado por dous artistas de longa traxectoria. 

O evento, con música e gastronomía, trata de "promocionar outro tipo de ocio"

ESCAPARATE. Participantes coma Muchachicha, adicada ao deseño e confección de roupa interior feminina con texidos ecolóxicos e temática mitolóxica, avogaron por este tipo de eventos coma un escaparate para os novos creadores. Ademais, destacaron a "boa organización" e valoraron o feito de acompañar o mercado de música e degustación de tapas. 

Para o público, trátase de "una idea estupenda que ofrece en Sarria algo diferente para animar los domingos", expresou Alba, unha das asistentes, quen tamén incidiu na oportunidade que supón para os creadores dispor dun espazo para mostrar o seu labor. 

Dende a organización amosáronse satisfeitos co desenvolvemento deste primeiro evento e apostaron por seguir nesta liña de "promocionar outro tipo de ocio en Sarria". "Nesta ocasión foron todos postos galegos que fan os seus propios deseños", destacou Noelia Gómez, quen fixo fincapé na "idea de moda sostible" que promulgan varias das creadoras. 

A filosofía do Garaxe é ser "unha alternativa". "Sabemos que hai X e I para escoller e pretendemos que haxa unha Z polo menos", exemplificou. Con vistas ao futuro máis inmediato, avanzou a intención de continuar nesta liña coa celebración dun salón de vodas ou dun mercadiño polo Nadal.

Un espazo para a creatividade
Comentarios