Casa Enriqueta, un economato con historia

A Casa Enriqueta de Láncara, fundada no 1933, conserva a esencia dun negocio que foi referente na preparación de troitas do río Neira

Mari Carmen Díaz, coa súa neta Olalla en brazos, ante o retrato dos fundadores e un antigo muíño que usaban no establecemento. VILA
photo_camera Mari Carmen Díaz, coa súa neta Olalla en brazos, ante o retrato dos fundadores e un antigo muíño que usaban no establecemento. VILA

Na Láncara de mediados do século pasado, Enriqueta Cabana López era unha institución. As súas dotes como cociñeira e un don especial para preparar as troitas e anguías que daquela abundaban no río Neira granxeáronlle fama en toda a contorna e eran moitos os que se achegaban ata o seu negocio para saborear os guisos ou comprar produtos na zona de ultramarinos.

Corría 1933 cando esta muller e seu home, Enrique Rodríguez, adicado á compravenda de xamóns, decidiron crear o que daquela se chamaba un "economato". Nunha casa da parroquia de Láncara, ao pé da estrada que enlaza Baralla coa Pobra de San Xiao, abriron un negocio ao que puxeron por nome Casa Enriqueta.

Alí vendían desde produtos de alimentación ata calzado, ademais de servir comidas a diario e mesmo organizar banquetes de voda ou despedidas de solteiro. A parte de ultramarinos era "como un Corte Inglés" de hai case cen anos, explica Mari Carmen Díaz Cabana, sobriña de Enriqueta, quen se refire á fundadora coma unha muller "moi limpa" e excelente cociñeira, á que non lle facían falta grandes ingredientes para elaborar pratos saborosos.

Cando Mari Carmen tiña 14 anos, Enriqueta quedou viúva e a sobriña incorporouse a un negocio ao que dedicaría toda a súa vida.

O calendario marcaba o ano 1961 e, aínda que Mari Carme apenas era unha nena, demostrou estar preparada para asumir o reto. Aprendeu coa súa tía a cociñar e non desmereceu en nada. Coñecida tamén por moitos como Enriqueta, Mari Carmen viviu para os seus clientes. "Casei e criei dous fillos nunha manta no chan do negocio. Non había vacacións nin fin de semana. Era traballar día e noite. Para min os clientes eran da familia. Recibíaos na cociña e alí comían", explica a muller, quen ten un recordo especial e agradecemento para todas aquelas persoas que frecuentaron durante tantos anos o establecemento.

Coa súa chegada, o negocio non se resentiu senón que "foi algo máis para arriba", afirma coa satisfacción do traballo ben feito.

Hai dúas décadas, Mari Carmen pasoulle o testigo á terceira xeración de Casa Enriqueta, formada polo seu fillo, Miguel Farelo, e a súa nora, Eva Castro. Con eles chegaría tamén a ampliación das instalacións, no baixo dunha vivenda de nova construción, onde non funcionan como restaurante, pero continúan prestando os servizos de supermercado e bar.

Pasaron 85 anos e o negocio foise adaptando aos novos tempos, mais Casa Enriqueta segue fiel ás orixes, portadora dunha tradición de case un século. Para Mari Carmen supón un motivo de "orgullo" ser testigo de como aquel negocio que creou súa tía perviviu con ela e cos descendentes. "Grazas a Deus lévano moi ben e para abaixo non foi", di cun gran sorriso, mentres mira para a súa pequena neta.

"Houbo días de feira de vender ata 200 cafés" 
Mari Carmen Díaz conserva moitas vivencias do negocio que rexentou tantos anos. Especialmente intensos eran os días de feira en Láncara ( 24 de cada mes), nos que chegaban a servir ata "200 cafés".

Tampouco quedaban atrás as longas noites de inverno, nas que Casa Enriqueta funcionaba case coma un centro social da parroquia, no que asaban castañas, parolaban e botaban a partida.

"Houbo noites de vender cen litros de viño", comenta a muller, que tamén lembra aquel home que comeu un quilo de bistés por unha aposta ou aquel outro que tiña por costume entrar na tenda tirando da corda do burro que deixaba fóra.

 

Comentarios