Martes. 19.03.2019 |
El tiempo
Martes. 19.03.2019
El tiempo

Martin de Padrozelos, un trobador nas terras xabreiras

Casa de Martín de Praducelo, onde as investigacións sitúan as raíces do trobador medieval. M.C.
Casa de Martín de Praducelo, onde as investigacións sitúan as raíces do trobador medieval. M.C.

Entre os primeiros trobadores da lírica galego-portuguesa figura Martin de Padrozelos, cuxa orixe sitúan os investigadores nas mesmas terras da Lourenzá 'xabreira' ás que lles cantou o poerta Fiz Vergara. Unha xornada celebrada en Samos e O Incio reivindicou a «mestría» deste autor de dez cantigas, que están a ser musicadas

NUNHA PUBLICACIÓN de El Progreso do día 10 de outubro do ano 1954 Uxío Novoneyra amosaba xa o seu convencemento de que o trobador medieval Martin de Padrozelos era oriúndo da zona de Lóuzara, na montaña de Samos. Aquel «pálpito» do poeta do Courel veríase ratificado co paso dos anos coas investigacións realizadas por outros expertos, coma Xulio Pardo de Neyra ou Dulce Fernández Graña, que onte expuxeron as súas teses durante unha xornada en homenaxe da figura e da obra de Martin de Padrozelos, celebrada en terras de Samos e do Incio.

Pardo de Neyra, autor dun libro sobre este poeta medieval, ten claro que estamos ante unha persoa «especialmente conectada co estrato clerical», nun momento histórico no que Samos era «un dos centros do universo cultural galego». Segundo as súas indagacións, Martin de Padrozelos foi «un dos primeiros trobadores coñecidos», que viviu «dacabalo entre os séculos XI e XII» e cuxa identidade correspondería a Martín Pérez, natural do lugar de Praducelo, na parroquia samanense de San Xoán de Lóuzara.

Precisamente alí se conserva aínda a chamada Casa de Martín, que onte visitaron os participantes nesta xornada, organizada polo escritor e xornalista Luís Celeiro. Trátase dunha vivenda de longa tradición, que se atopa rodeada de fincas e que responde ao prototipo dunha casa forte. José Marcos Fernández, actual propietario, abre «encantado» as portas do seu fogar aos investigadores para afondar na figura e na obra deste trobador pioneiro, do que sempre tivo referencias polos seus antepasados.

«Sabiamos que nesta casa houbera un trobador porque eu oíno toda a vida. É algo que se foi transmitindo de xeración en xeración e a min xa mo dicía a miña bisavoa», explica. Segundo os datos que manexa, aquel Martín foi quen «empezou a construción da parte máis antiga da casa» e quen acabou por darlle un nome que perdurou durante séculos.

A procedencia louzariña do autor vén tamén avalada por outros datos. Varias das súas composicións teñen como escenario a romaría de San Salvador de Valongo, que os investigadores sitúan na zona, moi vinculada ao Camiño de Santiago. Así, preto do castro de Formigueiros existe un monte e un río coa denominación de Valongo, mentres que San Salvador estaría relacionado co templo do mesmo nome localizado no Val do Mao, no concello do Incio, onde tamén existe un santuario no que repousan os restos de Santo Eufrasio. «O camiño natural de Samos a Praducelo pasa polo Val do Mao», apunta Celeiro.

DEZ CANTIGAS. Da autoría de Martin de Padrozelos son dez cantigas -nove de amigo e unha de amor-, que centraron a tese de licenciatura de Dulce Fernández. A mestra reivindica o bo facer do poeta, cuxa obra «non foi valorada na súa xusta medida» nin en canto á complexidade estilística nin na capacidade innovadora que amosa. Durante a súa intervención nestas xornadas -ás que asistiron, entre outros, a subdelegada do Goberno en Lugo e os alcaldes de Samos, Sarria, O Incio e Triacastela-, Dulce Fernández analizou as distintas cantigas e destacou a «mestría do autor no plano métrico» e a necesidade de darlle «un merecido recoñecemento á ata agora esquecida valía do noso poeta medieval e louzariño».

Dúas desas cantigas xa foron musicadas por Baldomero Iglesias, Mero, quen onte ofreceu un avance para o público durante un acto celebrado nas antigas escolas de Samos, onde tamén interpretou un poema de Fiz Vergara.

Na música do resto de cantigas continúan a traballar tanto Mero como Xosé Quintas Canella, co obxectivo, unha vez máis, de pór a este autor medieval no lugar que lle corresponde.

Un percorrido pola contorna

Veciños, mestres, investigadores, músicos e políticos, entre outros, asistiron  ás xornadas, que comezaron nas antigas escolas de Samos. Houbo tamén unb xantar en Airapedrón e visitas ás igrexas do Val do Mao, á Casa de Martin de Padrozelos e a Santalla de Lóuzara, lugar natal do poeta Fiz Vergara. 

 

Martin de Padrozelos, un trobador nas terras xabreiras
Comentarios