Triacastela terá un campo de voluntariado sobre o Camiño

Está dirixido a mozos galegos maiores de 18 anos e comezará na vila o día 29 de xullo
Peregrinos a su paso por la localidad de Triacastela
photo_camera Peregrinos ao seu paso por Triacastela. AEP

A vila de Triacastela acollerá este verán por primeira vez un campo de voluntariado, dirixido a mozos galegos maiores de 18 anos, que xirará arredor do Camiño de Santiago, un dos sinais de identidade deste municipio.

Segundo informou a alcaldesa, Olga Iglesias, este campamento desenvolverase entre os días 29 de xullo e 9 de agosto, cun límite máximo de 12 prazas e cunha temática que combinará distintas actividades na ruta xacobea con outras de tipo medioambiental.

O campo de voluntariado de Triacastela forma parte da campaña O verán que necesitas da Xunta e é unha das catro iniciativas que se estrean este ano na provincia de Lugo xunto coas de Palas, Castro de Rei e Ribas de Sil.

Será un campo de temática dinamizadora no cal os mozos e mozas participantes farán percorridos diarios en bicicleta ofrecendo información sobre o Camiño de Santiago e prestando apoio aos peregrinos. Ademais, na área do albergue público organizaranse diversos actos como charlas ou obradoiros para animar a vila.

Este ano, por causa da crise sanitaria do coronavirus, os campos de voluntariado celebraranse baixo as medidas de prevención e seguridade acordadas polas autoridades sanitarias

PRAZO DE INSCRICIÓN. O prazo de inscrición abriuse este xoves e pecharase tres días antes do inicio do campo. As prazas serán adxudicadas, mentres haxa vacantes, por orde de recepción. A cuota é de 110 euros, cun desconto do 25 por cento por carné xove, familia numerosa ou monoparental.

Esta iniciativa busca ofrecerlles aos residentes na comunidade galega de entre 18 e 30 anos un recurso de educación non formal para o seu tempo de lecer e unha experiencia enriquecedora, con actividades que fomenten a convivencia, a tolerancia e a solidariedade, indicou a Xunta.

Este ano, por causa da crise sanitaria do coronavirus, os campos de voluntariado celebraranse baixo as medidas de prevención e seguridade acordadas polas autoridades sanitarias. Por iso, serán só de ámbito autonómico, cun máximo de doce participantes (máis o equipo técnico) e cun protocolo hixiénico-sanitario.

Comentarios