Triacastela realiza obras para ampliar a ruta de sendeirismo de San Mamede

O novo treito recupera un antigo camiño e permite facer un percorrido circular ata a capela
Escaleiras instaladas no novo treito que está acondicionando o Concello. VILA
photo_camera Escaleiras instaladas no novo treito que está acondicionando o Concello. VILA

A ruta de sendeirismo de San Mamede, un dos atractivos naturais de Triacastela, verase reforzada coas obras de ampliación que ten en marcha o Concello e que rematarán neste mes. Estes traballos permitirán ao visitante facer un percorrido circular, con saída da capitalidade municipal e remate na capela de San Mamede, pasando ao longo duns catro quilómetros por lugares de grande interese paisaxístico.

O Concello de Triacastela conta para este proxecto cunha axuda de preto de 13.000 euros da Consellería de Medio Ambiente de fondos procedentes da Rede Natura, na que se enmarca esta zona e onde habitan especies protexidas.

Segundo explica a alcaldesa, Olga Iglesias, o novo treito que se está acondicionando retoma na súa parte inicial o antigo camiño cara a Abradelo e O Covallo, que quedara tapado anos atrás coa construción da carretera e para cuxa recuperación foi necesario construír unhas escaleiras de madeira a piques de rematarse.

A ruta de San Mamede foi creada no ano 2019 e tivo unha grande aceptación polo interese do percorrido, no que se poden atopar dende dúas alvarizas ata unha fonte e a propia capela, onde se celebra dende tempos inmemoriais unha romaría cada 17 de agosto.

Ata o momento era unha ruta lineal, de xeito que o sendeirista ou ben facía o traxecto de ida e volta polo mesmo camiño ou utilizaba a estrada. Con esta ampliación, "poderá ir por un sitio e voltar por outro, por sendas antigas, sen case pisar a carretera", partindo do mesmo punto (o monumento ao peregrino de Triacastela) e con só uns treitos comúns ao principio e o final, sinala Olga Iglesias.

Os traballos conlevan tamén a limpeza dos camiños, creación dun novo acceso á capela e sinalización do percorrido. A intención do Concello consiste en editar un díptico con toda a información referente a esta ruta de sendeirismo e outros recursos baseados na natureza, como os novos miradores habilitados na serra do Oribio, que ofrecen grandes panorámicas.

Estes roteiros supoñen outros alicientes para achegarse á zona, tanto para os veciños como para os turistas e os peregrinos do Camiño Francés que pasan por Triacastela, con longa tradición xacobea.

Comentarios