martes. 03.08.2021 |
El tiempo
martes. 03.08.2021
El tiempo

Triacastela, parada obrigatoria no Camiño

undefined
Alfonso Rueda, que participou na festa con outras autoridades, e peregrinos e tractores. S. IGLESIA
A vila celebrou a II Festa do Peregrino, unha xornada animada ata a última hora con música, postos de artesanía e obradoiros

A primeira parada obrigada que un camiñante fai tras pasar o Cebreiro non é outra que Triacastela, por iso é lóxico que o seu nome viaxe alén das fronteiras, aferrado aos bastóns e metido nas mochilas dos peregrinos, os verdadeiros protagonistas da xornada trouleira que se viviu este domingo na localidade.

A segunda edición da Festa do Peregrino regresou a Triacastela, logo dun ano de parón, acompañada de sol e dunhas inusuais temperaturas que animaron ata aos máis preguiceiros. Música, manxares e artesanía foron os pratos fortes, pero tamén as homenaxes: aos que fan o Camiño, aos que loitan por mantelo e aos que son ''patrimonio inmaterial''.

Con esas palabras se referiu a alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias, ao sempre mítico Ribeira de Louzarela, Antonio Río Montero, brindeiro que finaba o pasado ano e ao que lle quedou a conta pendente de brindar nesta celebración. Como recordo, desde o Concello fixéronlle entrega á súa filla Amelia dunha réplica do monumento ao peregrino, a primeira que se realiza deste fito.

No acto tamén se lembrou ao Ribeira de Lourarela e fíxoselle entrega á súa filla dunha réplica do monumento ao peregrino

Unha escultura idéntica e unha cesta de produtos típicos da zona foron os agasallos que recibiu o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, que foi partícipe da xornada acompañado pola rexedora e polo delegado do ente autonómico en Lugo, Javier Arias.

Rueda lembrou que Triacastela é o "primeiro sitio" no que parar logo de saír do Cebreiro e que iso permite que os peregrinos leven "unha primeira imaxe de lugar acolledor que fai de premonición para todo o que van ver despois ao longo do Camiño". E asegurou que "arredor do 60%" dos que están a peregrinar a Compostela, estano facendo pola variante francesa, a que atravesa este municipio que fai de final de etapa.

Ese papel de Triacastela na ruta xacobea e na historia en xeral centrou o pregón do escritor e xornalista Luís Celeiro. Unha intervención na que aproveitou para recordar a importancia de protexer Cova Eirós, igual que "deberiamos ter garantía da restauración e conservación das pinturas das igrexas de Cancelo, Santalla de Alfoz e San Salvador dos Toldaos".

"Respecto é o que pedimos e esiximos", continuou Celeiro, ao tempo que demandaba "coidado absoluto da paisaxe, da natureza e das poucas riquezas que nos quedan". E falou dunha Triacastela que foi "centro neurálxico" na Idade Media, da orixe do topónimo -quizais pola existencia dos tres castelos, polos tres castros ou por significar "cara a Castela"- e dignificou a montaña, a que "desprende coñecemento e sabedoría, fala e aloumiña aos homes de palabra e desprende fiabilidade, seriedade e contundencia".

O evento, que se iniciaba cos tractores clásicos achegados polo Muvicla de Láncara que percorreron un tramo de catro quilómetros do Camiño, estivo conducido pola cantante Lucía Pérez e ela mesma foi a encargada de ofrecer un concerto par poñer o broche de ouro, aínda que antes tamén houbo música da man da Foliada de Bosende.

Os obradoiros de Cianotipia, o espectáculo de Títeres Cachirulo, a recreación de Lila Teatro e preto dunha decena de postos de artesanía completaron o programa dunha festa que homenaxea non só ao peregrino, senón á forma de vida da propia Triacastela.

Triacastela, parada obrigatoria no Camiño
Comentarios