sábado. 04.04.2020 |
El tiempo
sábado. 04.04.2020
El tiempo

Triacastela promocionará os castiñeiros como recurso turístico do municipio

O castiñeiro de Ramil atópase no Camiño Francés a Compostela. TURISMO DE GALICIA
O castiñeiro de Ramil atópase no Camiño Francés a Compostela. TURISMO DE GALICIA
O día 29 celebrará unha ruta de sendeirismo guiada por lugares de interese natural e dará a coñecer un vídeo con produtores locais

Os numerosos castiñeiros que poboan as terras de Triacastela preséntanse a ollos do Concello como un novo recurso turístico, que promocionará tanto a nivel paisaxístico como de produción.

O proxecto Camiños de Identidade, subvencionado ao abeiro do programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia, vén de facer unha análise detallada dos distintos potenciais de Triacastela máis alá da ruta xacobea. Este estudo permitiu identificar os castiñeiros coma un "elemento representantivo" do municipio de cara á creación dun recurso turístico que implique tamén aos produtores da zona.

A sociedade cooperativa Amarelas é a promotora deste proxecto, que ten por obxectivo "descubrir aquelas potencialidades que poden ser un recurso máis para posicionar Triacastela dentro do mapa turístico e poñer en valor os produtos locais", explica.

Para dar a coñecer esta iniciativa, o vindeiro día 29 organízase unha xornada na localidade aberta á participación de todas as persoas que o desexen. Comezará ás 11.00 horas cun percorrido guiado pola ruta de sendeirismo de San Mamede, ao longo da cal se poderán ver árbores "incribles" e outros elementos de interese coma dúas alvarizas. O roteiro, que leva por título 'Os castiñeiros do val do Oribio', partirá da praza do Concello e rematará en Ramil, onde se atopa un exemplar excepcional pola súa antigüidade e dimensións.

O proxecto Camiños de Identidade xorde como unha oportunidade para crear dinámicas de desenvolvemento rural en cinco concellos galegos

A mediodía celebrarase un xantar nun restaurante da vila e, ás cinco da tarde, no local Fonte do Lunar terá lugar a presentación dun vídeo promocional sobre o castiñeiro e a súa relación cos produtos agrarios en clave turística.

A participación nesta xornada é gratuíta (agás o xantar) e ten aberta a reserva de praza ata o día 27 no correo electrónico [email protected] ou ben chamando ao teléfono 655.64.58.04 en horario de 9.30 a 14.00. Haberá tamén servizo de bus dende Sarria e Samos.

O proxecto Camiños de Identidade xorde como unha oportunidade para crear dinámicas de desenvolvemento rural en cinco concellos galegos. Ademais de Triacastela, recalou xa en Mondoñedo e Rodeiro, e proximamente estará en Porqueira e Cabanas.

Para a alcaldesa, Olga Iglesias, permite deseñar un produto turístico baseado en gran medida nos produtos agroalimentarios de Triacastela. Ademais, a rexedora subliña "as moitas posibilidades" dos castiñeiros, tanto dende a perspectiva da natureza como da súa explotación, agora limitada ao consumo privado. Iglesias avoga tamén pola "limpeza e recuperación de soutos tradicionais".

Un exemplar con 800 anos de historia
O máximo expoñente dos castiñeiros que se poden ver en Triacastela atópase en Ramil, no Camiño Francés a Compostela, e ten unha antigüidade de máis de 800 anos. O perímetro da árbore, un dos elementos máis fotografados da ruta xacobea, acada os 8,5 metros e o diámetro é de 2,7. Nas súas inmediacións existe unha construción tradicional que data do século XVIII coñecida como Casa da Tulla.

Triacastela promocionará os castiñeiros como recurso turístico do...
Comentarios