"O traballo reivindica o galego do Incio, que ten o seu vocabulario e as súas expresións"

Neno de monte, o título do novo traballo de Xabier Vizcaíno, xa é toda unha declaración de intencións. No interior agocha unha homenaxe ás orixes, aos ancestros a á cultura da Terra Brava. ► Pero, lonxe de soar costumista, os temas veñen marcados por novos timbres e ritmos que dan frescura e transmiten liberdade.
Xabier Vizcaíno. ENMA AENLLE
photo_camera Xabier Vizcaíno. ENMA AENLLE

Portada do novo traballo. ENMA AENLLEA MEDIADOS de novembro estará a venda Neno de monte, o novo traballo de Xabier Vizcaíno. O músico do Incio creou un libro-disco no que os relatos se mesturan coa música e que serve de homenaxe aos seus avós e ao medio rural.

O novo traballo Neno de Monte está a piques de saír, pero xa temos un adianto nas redes co tema Camiños.

Dalgún xeito había que abrir a lata e Camiños parecía o tema perfecto porque está moi enfocado a O Incio. O vídeo está grabado entre as localidades de Vilasouto e Goó.

Pero este tema achéganos a un Xabier Vizcaíno ao que non estámos afeitos.

Non é o Xabier Vizcaíno de sempre (ri). Creo que pode sorprender moito. Son ritmos diferentes que teñen un toque cumbieiro que está gustando moito. Eu tiña un pouco de pánico pero á vez moitas ganas de probar outras cousas e a acollida está a ser moi boa, algo do que estou sorprendido e moi agradecido. Creo que tamén é importante o traballo de vídeo que se fixo. En Camiños encaixan moi ben as dúas partes do traballo, iso non sempre é fácil.

Que máis se atopa en Neno de Monte?

O libro-disco é unha homenaxe a todos os que vivimos no medio rural e amamos isto. É un traballo íntegro en galego. Consta de cinco relatos que están baseados nas historias, a veces máis reais e a veces con maior ficción, que me transmitiron durante moitos tempo os meus avós. Historias dos tempos da fame e da súa propia infancia na que eu tamén poño algo meu no intre de escribilas. Ten, ademais, seis cancións en galego. Todos temas propios agás un poema de Bernardino Graña titulado Sen a luz túa, no que tamén está Lucía Pérez. Neses seis temas hai outra colaboración moi especial, que manteño en segredo, e da que poderán desfrutar os que merquen o disco.

Como se lle deu o de escribir?

Igual fun un pouco atrevido. A min sempre me gustou ler e escribir, pero está claro que non é o mesmo facer as letras das cancións ca desenvolver un relato ou un conto. Foi un proceso marabillos e complicado a partes iguais, un cambio de formato que requeriu moito esforzo pero que tiña en mente dende hai moito tempo. Creo que é un agasallo que me fago a min mesmo e quería que fose algo especial, que dentro duns anos mire este traballo e siga orgulloso del. Ademais, para min ten unha carga emocional moi forte. Son contos e relatos que me transmitiron os meus avós, dous deles aínda seguen vivos, e era moita responsabilidade plasmar no papel os xeitos de contar deles mesmos, que a historia non perdese interese nin o punto que eles lle imprimían.

Este libro-disco é un regalo para min mesmo. Deses discos dos que segues orgulloso cando pasan os anos

Cal é o vínculo entre os relatos e as cancións?

Cada parte vai polo seu lado, pero a lingua fai de vínculo. Os relatos contan unhas cousas e as cancións outras, pero usan a mesma linguaxe: o galego do Incio, que non é o mesmo ca o que se fala noutros sitios. Anque a normativa está aí e se respeta, tiven a posibilidade de usar ese vocabulario e esas expresións que nos identifican no contexto xeral do galego, que son propias da nosa zona.

Por exemplo?

É o caso de mao. Aquí, nesta zona oriental, non dicimos man, dicimos mao. Esa terminación identifícanos, e creo que é importante respetar esas palabras de libre dito porque forman parte da riqueza do noso idioma.

A portada tampocou deixa indiferente, xa di moito do interior.

Efectivamente. Teño un ilustrador de cabeceira que é Andrés Wolf. Somos amigos e levamos moito tempo traballando xuntos. Él é colombiano e o seu traballo é moi recoñecido aló e aquí. Preparou a portada, a contraportada e as ilustracións que van encaixadas nos relatos. A obra está feita cunha técnica dixital que semella o debuxo á man. Creo que reflicte moi ben a esencia do disco-libro. Son debuxos moi bonitos que á vez manteñen ese pouso crú dos relatos.

A quen se lle ocorre presentar novo disco en tempos de pandemia?

A verdade é que é case un suicidio, pero penso que o mundo ten que continuar e que non vale de nada quedar parados. Creo que máis ca nunca hai que darlle brío ás inquedanzas e que iso tamén pode axudar a afrontar momentos complicados. A min este traballo axudoume moito a seguir dando pedal nuns momentos moi malos para o oficio e para a cultura en xeral.

Comentarios