Todo o que esconde a Rúa Porvir en Sarria

Máis aló das tendas de antigüidades, que son un reflexo da historia do barrio de San Lázaro, a travesía foi o centro neurálxico de boa parte do comercio e da industria sarriá no século XX
Imaxe da actual Rúa Porvir de Sarria, onde se atopan os anticuarios da vila.
photo_camera Imaxe da actual Rúa Porvir de Sarria, onde se atopan os anticuarios da vila. C.F.R.

O que hoxe coñecemos como a rúa das antigüidadades, é dicir, a Rúa Porvir esconde tras de si un legado de gran valor para a vila de Sarria, xa que, ademais destas históricas tendas, o barrio concentrou boa parte do comercio e da industria da localidade no século XX, con fondas e cantinas onde se hospedaban moitos dos traballadores vencellados ao ferrocarril e, por se fose pouco, tamén contaba con cine.

Tal e como explica un dos fundadores da asociación sarriá La Dulce Alianza, Xosé Lois Gutiérrez, a proximidade da vía do tren, "foi un dos fitos que xogou un papel fundamental para facer desta unha das rúas máis prósperas do século pasado, e da que aínda conservamos unha gran herdanza".

Dende esta agrupación, que naceu no ano 2017 co fin de "dignificar e dar a coñecer" o barrio de San Lázaro, afirman que a Rúa Porvir era coñecida como a rúa do paseo, "que tiña que ver con ese traxecto que se facía ata a vía do tren pasando pola Feculera e logo de volta cara ao centro, pero sempre por aquí, xa que era o eixo central", asegura Xosé Lois Gutiérrez.

No cruce de San Lázaro houbo ata tres negocios que gozaron de gran prestixio na vila: a tenda de cerámica Badiola, o ultramarinos Casa Roxo e o almacén de importación e exportación de Vento. Ademais, a rúa tamén foi o lugar no que residiu e onde montou a súa fábrica de salina o exalcalde republicano do municipio de Sarria nos anos 20 Antonio Páramo Sánchez, perseguido durante a Guerra Civil e declarado en rebeldía en varias causas, ao que lle confiscaron o seu patrimonio logo do conflito.

Por outra parte, La Dulce Alianza é un dos edificios que mellor se conservan nesta rúa, que aínda mantén un pouco os rótulos. E é que a antiga fábrica de galletas fundada polos irmáns Manuel e Néstor González é un claro símbolo do auxe industrial que albergaba Sarria e, especialmente, a Rúa Porvir.

Ata 1958, a rúa abarcaba tamén o tramo de Marqués de Ugena, polo que cómpre destacar a creación do Teatro Cine Salón nos anos 20, ata aparecer máis tarde o Cine Cissa, fundado por José Gayoso, Javier Saco e Luis Macía, que continuou en activo ata o ano 2005.

Feira de San Lázaro. A guía sarriá Silvia Mondelo, tamén coñecida en redes como A Paraxe da Bolboreta, explica que o barrio de San Lázaro coñécese así porque antigamente existía un hospital de leprosos, en activo dende finais do século XIV ata o XVIII, de forma que a capela pertencía a ese hospital, coñecido como o Lazareto. "A carón dalí había un souto no que se celebraba unha gran feira anual todos os domingos de Lázaro, é dicir, o domingo anterior ao de Ramos", unha tradición que permaneceu ata a década dos 60. Tratábase dun mercado tradicional onde se reunían os artesáns, ferreiros e vendedores de sementes, fariñas e legumes, entre outras cousas.

"A primeira feira de antigüidades realizouse logo da extinción da de San Lázaro como unha forma de poder seguir coa tradición, polo que as tendas comezaron a sacar fóra os mobles", asegura a guía sarriá.

Así naceron os anticuarios que gozan de gran fama e prestixio en Galicia e boa parte de España. "Foi a continuidade de toda esa historia que ten tras de si o barrio o que fai da Rúa Porvir un lugar moi especial", afirma a guía.

Comentarios