lunes. 17.01.2022 |
El tiempo
lunes. 17.01.2022
El tiempo

Unha terra de grandes gaiteiros

El gaiteiro de O Incio Rubén González. AEP
O gaiteiro Rubén González, do Incio. AEP
A sociedade La Unión renderá homenaxe a estes artistas o día 18 coa colocación dun monolito, un faladoiro histórico e unha foliada

Dende tempos inmemoriais percorren festas e romarías, dende os primeiros compases das alboradas ata a troula das foliadas, poñendo a banda sonora de Galicia e dos momentos felices de tantos galegos. Non hai evento que se prece que prescinda destes músicos, cuxos sons convidan a bailar na distancia curta e invocan a morriña cando se está lonxe. Son os gaiteiros, figura icónica da cultura tradicional, aos que Sarria renderá unha homenaxe o vindeiro día 18 na sociedade La Unión.

A súa presenza na comarca está documentada dende o ano 1550, data na que Pedro Fernández Penela xa amenizaba as festas de Corpus e San Xoán, todo un precursor dunha arte que ao longo dos séculos daría grandes músicos e construtores de gaitas, cuxa sona traspasou fronteiras.

Segundo os datos recompilados polo investigador Xaime López Arias, Arlindo, do Seminario de Estudos Sarriaos Francisco Vázquez Saco, a aquel Pedro Fernández sucederíanlle Domingos López, Pedro de Buxán, Penela de Viloira (ano 1587), Xoán Rivela, o gaiteiro de Vilarello (Láncara), o Dradas das Encrucilladas (Triacastela), o Marañas de Vilapedre ou o Caxeno de Lóuzara, entre outros.

Algúns deles eran contratados polo Concello de Sarria como gaiteiros fixos ao seu servizo, co correspondente salario. Tal e como explica Arlindo, foi o caso de Xoán Rivela, natural de Santa María de Merza, con que o día 4 de xullo de 1611 se firmou un contrato por catro anos cun soldo anual "de 1.500 maravedíes" para tocar en Corpus, San Xoán e Pascuas.

Entre os gaiteiros destacados da comarca cóntase Eduardo Lence Santar Guitián, quen tamén amosou destreza coa zanfona e como bailador de muiñeiras. Aprendeu a tocar a gaita no 1898 cun punteiro que lle comprara ao Marañas de Vilapedre e coas ensinanzas dos mestres Nabás de Ortoá e do Vizano, quen tamén era un afamado construtor de instrumentos.

A esta mesma faceta adicouse Antonio López Quiroga, das Agrolazas (Láncara), nado no 1876, de quen se di que lle regalou unha gaita ao rei Alfonso XIII.

A presenza dos gaiteiros na comarca está documentada dende 1550, cando Pedro Fernández xa amenizaba Corpus e San Xoán

Como gaiteiro e artesán merece un lugar por méritos propios, xa en tempos máis recentes, Rubén González, fabricante de palletas espalladas por todo o mundo. Aínda que naceu en San Xoán de Randín, na provincia de Ourense, a súa vida transcorreu dende os 19 anos en Castelo de Somoza, no concello do Incio. Comezou a tocar dende moi novo, formou parte dun quinteto en Noceda e, nos anos 70, fundou o grupo Os Agarimos. Durante décadas adicouse tamén a elaborar palletas, oficio que aprendeu en Entrimo e co que acadou un gran recoñemento.

Falecido no 2018 aos 93 anos de idade, un monólito lembra a Rubén González no Incio, onde foi nomeado Fillo Adoptivo.

CUARTETOS. As máis das veces en forma de cuartetos, foron moitos outros os grupos que levaron o seu bo facer por toda a comarca. Arlindo cita, entre outros, Os Yebriñas, integrados por varios membros da familia Yebra, que gozaron "dun recoñecido prestixio" non só nas terras de Sarria senón tamén noutros lugares da provincia.

A Granxa de Barreiros, proxecto pioneiro fundado no 1939 por Antonio Fernández, foi por exemplo o xerme da agrupación coñecida como Argalleiros de Barreiros, dirixidos por Avelino Pousa Antelo e cuxos primeiros instrumentos (dúas gaitas, un tambor e un bombo) saíron das mans de Paulino Pérez, de Barbadelo, quen acabaría sendo unha eminencia como luthier.

Son só algúns nomes de grupos e solistas que trazaron un camiño seguido polas novas xeracións, das que tamén forman parte mulleres como Carme López Fernández, unha das primeiras luguesas en obter o título superior en gaita.

Os gaiteiros que exerceron na comarca entre 1550 e 1930 serán honrados o 18 en La Unión que, segundo o seu presidente, José Quiñoá, pretende así continuar co labor que desenvolve dende hai un século como "aglutinadora" da vida social e cultural da vila.

A esta homenaxe quixeron sumarse o Concello, os Gaiteiros de Goián e as asociacións Meigas e Trasgos e Peleriños, ás que avalan décadas de traballo a prol da música e o baile tradicionais.

Os actos comezarán ás 17.30 horas coa inauguración dun monólito nos xardíns de La Unión, con acompañamento musical. Ás 18.00 horas, Arlindo ofrecerá unha charla sobre a presenza destes músicos na comarca, o que dará paso a novas actuacións. Todos os gaiteiros e gaiteiras que queiran tocar poden contactar nos teléfonos 649.20.84.59 ou 670.42.45.16. Como non podía ser doutro xeito, o día rematará con foliada.

El luthier de Sarria Paulino Pérez. AEP

Paulino Pérez, todo un luthier
Paulino Pérez Sánchez, quen foi todo un referente como luthier, naceu en Sarria no ano 1907, aprendeu a tocar a gaita co seu tío Pepe de Nabás e formou parte de grupos como o Sexteto de Vilei.
Xunto con Faustino Santalices e baixo o auspicio de Antonio Fernández, promoveron na Deputación de Lugo un taller de elaboración de instrumentos que botou a andar hai 70 anos e cuxo labor foi vital, entre outros aspectos, na recuperación da zanfona.
Segundo lembra Arlindo, calcúlase que do traballo de Paulino Pérez saíron máis de dúas mil gaitas "dun recoñecido perfeccionismo".
 

Unha terra de grandes gaiteiros
Comentarios