Se eu fose alcaldesa...

"Temos un proxecto de futuro baseado no traballo e na atención aos veciños para devolverlle a Láncara o esplendor que merece"

Olga Capón Moreno. EP
photo_camera Olga Capón Moreno. EP
Olga Capón Moreno
Candidata do PP en Láncara
Idade: 55 anos
Profesión: Diplomada en relacións laborais
Primeiro ano como candidato: 2023
Afeccións: Pasar tempo cos amigos e o contacto directo coas persoas


Olga Capón Moreno é a primeira muller que se presenta como candidata do PP á alcaldía de Láncara nas vindeiras eleccións municipais. Veciña da parroquia de Bande é diplomada en Relacións Laborais, conta cunha experiencia de máis de 20 anos en recursos humanos, en administración local e en xestión laboral.

A alcaldable popular asume o reto de encabezar a lista popular con "toda responsabilidade", "coa máxima humildade" e co compromiso de traballar arreo, primeiro, para gañar as eleccións, e despois para facer a xestión que Láncara necesita "para recuperar o esplendor que merece". A candidata di que o seu modo de traballar estará baseado na "escoita activa, a proximidade aos veciños e veciñas, a eficacia e a transparencia".

Olga Capón explica que "somos arredor de 2.500 veciños e imos perdendo poboación. Para frear esta tendencia apostamos firmemente por ofrecer servizos de calidade para que sexa máis atractivo asentar familias e, por suposto, por revitalizar o sector económico".

Máis solo industrial e apoio ao sector gandeiro

O Partido Popular cre no potencial de Láncara, que é un concello ben comunicado, e aposta por "un proxecto de futuro para o municipio que ten como base fundamental a creación de máis solo industrial que permita dinamizar a actividade económica ao atraer novas empresas. Tamén contemplamos o fomento do emprendemento e o apoio ao talento local co obxectivo de crear emprego".

Neste mesmo sentido, a candidata á alcaldía asegura que "o sector gandeiro é o principal motor económico do noso concello e, polo tanto, debemos defendelo e apoialo de forma incondicional". Co obxectivo de impulsalo, Olga Capón defende a súa diversificación e o apoio aos produtos locais. Sendo coñecedora da necesidade de superficie produtiva por parte das explotacións, aposta por favorecer zonas de pastoreo en convivencia co aproveitamento forestal nas zonas de monte.

Poñer en valor o noso, como é o caso do Camiño Real que agora mesmo se atopa totalmente abandonado polo goberno local, é outro dos piares do proxecto que encabeza Olga Capón. A popular defende un desenvolvemento sostible. É dicir, "o impulso turístico aproveitando os nosos recursos naturais e sempre con total respecto ao medio ambiente". De feito, "esta á outra das máximas do proxecto no que estamos traballando para ofrecer aos veciños un goberno local alternativo e de cambio".

Dinamización social e servizos de calidade

A dinamización social, que tamén contribúe a impulsar o comercio e a hostalería locais, é un piar máis para asentar poboación. Nese sentido, a alcaldable do PP quere favorecer a actividade social, cultural e deportiva para tódalas idades e nas distintas parroquias do municipio. "Ante a escasa oferta actual en materia de cultura e deporte; debemos ofertar á nosa xuventude actividades variadas que lles permitan desenvolver as súas inquietudes", defende.

En relación aos servizos sociais, a alcaldable cre que "é necesario garantir a atención aos máis pequenos e desenvolver medidas de atención aos maiores, que debemos ter moi presentes".

Neste sentido, para a popular é importante "mellorar todo o posible o Servizo de Axuda no Fogar para os usuarios e para as traballadoras", asegura.

É dicir, outra das cuestións máis importantes para o PP de Láncara é a prestación de servizos públicos de calidade. Olga Capón ten moi en conta que "as pistas de todo o concello deben estar en boas condicións para garantir a seguridade dos veciños e veciñas. É dicir, cun firme que responda ao volume do tráfico e cun ancho tamén acorde aos tipos de vehículos que circulan por elas e que, en moitos lugares, son tractores, maquinaria agrícola e camións de recollida ou reparto de produtos para as explotacións gandeiras".

Pistas, pontes, fontes e respecto ao medio ambiente

Para contribuír á mellora das explotacións e, en xeral, das condicións de vida dos veciños e veciñas das distintas parroquias, Capón tamén aposta por dotar de traídas de auga a aquelas que aínda non dispoñen deste servizo e de conectividade para mellorar a conexión a Internet e garantir cobertura móbil.

Capón cre que hai que prestar especial atención a cuestións coma o mantemento periódico das pistas, a limpeza de cunetas ou os desbroces, porque "xa hai accesos ao río e a moitas fontes cubertos de maleza". Outros dos retos que se marca son a recuperación de pontes e inmobles das distintas parroquias. "Un concello limpo e coidado da boa imaxe tanto aos veciños e veciñas coma aos posibles visitantes", considera.

E, en materia de medio ambiente, Capón sinala que "é preciso mellorar a recollida do lixo e a xestión do punto limpo e dos puntos de recollida de plásticos agrícolas". Igualmente, defende a eficiencia enerxética e, polo tanto, o uso de tecnoloxías que reduzan o gasto enerxético e económico para o Concello.

Concello de Láncara. EP
Concello de Láncara. EP
Oportunidade
Un proxecto de cambio para mellorar Láncara
A candidata á alcaldía cre que "temos que aproveitar os nosos recursos, os nosos sectores económicos e as boas comunicacións para o desenvolvemento do noso concello". Olga Capón asegura que Láncara é un lugar de oportunidades que "merece un goberno que traballe polo seu desenvolvemento e a revitalización económica e social". O equipo do Partido Popular conta cun proxecto para desenvolver as potencialidades do municipio, pero tamén para atender as necesidades dos veciños e veciñas. É máis, "queremos conformar un goberno dialogante, aberto a escoitar, e comprometido cos lancareses". De feito, "os cidadáns deben estar na primeira liña de prioridades do goberno local". Así, "entre todos, seremos capaces de mellorar Láncara".