miércoles. 26.01.2022 |
El tiempo
miércoles. 26.01.2022
El tiempo

"Temos a bodega nun paraíso; estar en alta montaña tamén lle vale un montón ao viño"

Breogán Pereiro, viticultor de O Incio
Breogán Pereiro, viticultor do Incio. EP
Breogán Pereiro leva a adega Terra Brava, a única do Incio, con viñas de Doade (Sober) cuxos caldos veñen de ser recoñecidos con medallas de ouro na Guía de Vinos, Destilados y Bodegas de Galicia, de Luis Paadín

Que supón este recoñecemento?

Para nós loxicamente é moito. Están vindo os anos un pouquiño rariños en canto a clima nos referimos e dános máis a lata sacar as colleitas adiante. Non están as estacións marcadas, en xaneiro que estamos con estas temperaturas e despois no verán está patas arriba... Estanos facendo batallar moito. Entón, ao final para os que apostamos pola agricultura ou cultivo sostible, facer viños naturais é moito máis difícil e que che recoñezan os viños é importante. Tamén temos a bodega nun paraíso, ao estar en alta montaña válelle un montón, está case a 800 metros de altura. Partindo de que na viña estamos traballando tamén con moito mimo.

Son viños que xa foron premiados anteriormente?

O primeiro ano que saquei o Lagar do Breo e o Xastre xa lles deran medalla de ouro, despois houbo un ano que non me dera tempo e non os presentara. Este ano volvinos presentar e volveron dar medalla de ouro. O xove, o Terra Brava, leva na batalla practicamente desde 2012 e leva con medalla de ouro desde que empezamos. Este ano deron a medalla máis grande, gran ouro, son sobre 96 ou 97 puntos, que é case un viño perfecto para eles.

Que tipo de viño son?

O xove, o Terra Brava, leva mencía, garnacha e xerez. O Xastre leva mencía, garnacha, xerez e brancellao, pero xa está un ano en barrica, outro ano en botella e o seguinte e cando o sacamos ao mercado. O Lagar do Breo é unha variedade que era autóctona galega, como o brancellao. É un caíño longo 100% e, igual que o Xastre, está un ano en barrica e un ano en botella. Creo que pola zona de Doade quedamos dúas bodegas que o estamos recuperando, que eu coñeza.

Recuperar esta variedade supón un maior traballo?

Dános máis traballo, é unha cepa que é moi caprichosa, bota un montón de rama, menos rendemento...A xente foise á produción e esqueceuse deste gran tesouro, chegou a estar toda a beira plantada de caíño longo. As primeiras cepas que plantamos na viña foron de caíño, foron poucas, 300, agora temos outras 700, e este ano fixemos unhas 1.500 botellas.

Ten algún novo proxecto?

Si, temos un godello, dona branca e treixadura na mesma botella, así leva tres variedades. Vai ser unha historia moi linda que imos coñecer este verán, tivémolo moi mimado, vai gustar moito, pero son só uns 600 litros, unhas 700 botellas. Somos unha bodega moi pequeniña. Contamos facer algún máis, pero non nos están vindo os anos axeitados. Eu son moi antitratamentos, dou o mínimo posible, así escapan moitas uvas, eu quero meter na bodega o que sexa un pouco maxia.

Segue coa adega no Incio, as viñas en Doade e a ruta enoturística, coa famosa randeeira con vistas aos cañóns do Sil?

Si, vén a xente, quérese columpiar todo o mundo, estamos na cresta da ola e seguimos, estamos en xaneiro e estamos sorprendidos de que continúa vindo xente. Pasou xente moi interesante, de Xapón, que están facendo guías de turismo, de China, Chile, Texas... de todos os lados do planeta e este foi só o segundo verán. Está gustando moito a nosa proposta de estar entre as cepas, como toca moito estar ao aire libre pola pandemia, estamos reiventándonos todos, nos bares e restaurantes non é que se venda gran cousa. Se antes unha caixa nun bar duraba unha semana, agora dura mes ou mes e medio, nótase bastante.

Conta con algún outro proxecto de enoturismo?

Faltaríanos máis dispoñibilidade, de que se mollase máis o Concello e Sober, que preparara un aparcadoiro. Eu son músico e gustaríame facer alí concertos, un día teatro, outro monicreques para os nenos...

"Temos a bodega nun paraíso; estar en alta montaña tamén lle vale...
Comentarios