A tecnoloxía chega ao altar no Incio

Os fregueses de Laiosa (O Incio) idean un novidoso sistema para asistir a misa cada domingo na súa igrexa seguindo a través dunha gran pantalla a que se oficia na capitalidade municipal
Veciños de Laiosa seguen en directo a través dunha pantalla a misa de domingo da Cruz do Incio. VILA
photo_camera Veciños de Laiosa seguen en directo a través dunha pantalla a misa de domingo da Cruz do Incio. VILA

A misa do domingo nas parroquias galegas non é só un acto relixioso. Para moitos fregueses, sobre todo os de maior idade, supón un estímulo para saír da casa e compartir un anaco cos veciños, nuns tempos de pandemia nos que as interrelacións sociais se viron seriamente afectadas.

A falta de curas fai que moitos destes pequenos núcleos queden sen misa dominical, centralizada agora en parroquias máis grandes, unha situación ante a cal os veciños de Laiosa (O Incio) veñen de pór en marcha un novidoso sistema, aproveitando as posibilidades que ofrece a tecnoloxía. Cos fondos que recadaron na parroquia compraron uns equipos que lles permiten conectar dende a súa propia igrexa coa misa que se oficia na capitalidade municipal e seguila en directo a través dunha gran pantalla. "Así facemos domingo, que doutra maneira era un día como calquera", explican.

A iniciativa destes veciños conta co beneplácito do párroco, José Luis González Regueiro, quen non descarta que sexa pioneira en Galicia. "É unha idea boa dadas as circunstancias actuais. Levamos moitas parroquias e non se pode ter misa en todas. É unha solución factible para que persoas que non teñen quen as leve ou que lles sexa incómodo desprazarse podan acercarse ata a igrexa do pobo e participar da misa co cura e outra xente da zona", argumenta o crego, encargado de 31 parroquias.

Os habitantes de Laiosa acostuman reunirse na igrexa para celebrar a novena da Virxe, as flores de maio ou o rosario. Teñen un templo con moita historia e dáballes "pena" velo pechado os domingos e ao mesmo tempo desprazarse ata a capitalidade municipal ou Bóveda para asistir á misa ou ben seguila por televisión. Pensaron entón alternativas e foi cando un veciño, Carlos Cortiñas, lles propuxo unha solución técnica. Facía falta unha pantalla dunhas 70 pulgadas, unha barra de son, un móbil, dous micrófonos e unha aplicación de internet. De ver unha misa por televisión, mellor que fose a do Incio, pensaron.

FUNCIONAMENTO. Dende hai un par de meses, xúntanse cada domingo, ás 11.00 horas, na igrexa de San Martiño de Laiosa e acenden a pantalla que situaron diante do altar. O sinal que lles chega é o da misa do Incio, que seguen en directo. O párroco leva un micro para que o escoiten ben e no atril das lecturas instálase outro. Un móbil colocado nun trípode capta cun enfoque fixo os oficios relixiosos que, a través dunha aplicación e grazas á barra de son, se poden ver e oír con claridade en Laiosa.

Os fregueses desta parroquia participan da misa ao completo, incluída a comuñón, xa que o cura autorizou á sacristá, quen leva catro décadas atendendo o templo, para poder darlle aos asistentes a hostia consagrada que el deixa na igrexa con anterioridade.

Como toda innovación tecnolóxica comezou cunha fase de probas e cos veciños seguindo os pasos cunha "chuleta", pero agora xa son tres os que manexan a aplicación e en breve sumaranse máis. A súa intención con este sistema non é outra que buscar saídas e que "a xente poda vir á misa, que para moitos maiores é moi importante". "Ademais da cuestión relixiosa facémolo para vernos e ter un lugar de reunión. Se non fose por isto moita xente o domingo non sairía da casa», comentan os veciños, para os quen tamén é un xeito de amosar "respecto pola xente que conservou todo isto, un patrimonio".

A maiores, citan outro motivo: "manter a igrexa en bo estado". O templo de Laiosa posúe interesantes retablos barrocos, así como dous escudos e uns singulares confesionarios. "Se hai unha goteira enterámonos e podemos poñerlle remedio", exemplifican.

"Esta opción é bastante boa no sentido de que non perden o contacto co seu párroco e, aínda que non nos estemos vendo, participan igual na misa", opina o crego, para quen tamén é un xeito de que os veciños se reúnan. "Desta maneira séguense vendo sen tardar tanto tempo ou verse só en ocasións puntuais como os funerais, que ó que máis hai", sinala.

José Luis González asegura que outras parroquias xa se interesaron por implantar o sistema de Laiosa, financiado polos propios fregueses, e que el mesmo o propón "cando non hai outra solución" para a misa dominical.

Comentarios