O taller 'Camiño de Santiago II' inicia as obras en Perros e Aguiada

Vinte alumnos executan os traballos, que consisten na pavimentación con lousa de senllos treitos da parroquia sarriá de Calvor
Taller de empleo arreglando el Camino en Perros, en Sarria. VILA (AEP)
photo_camera Os alumnos preparan o terreo para comezar a actuación na zona de Perros. VILA

O obradoiro de emprego ‘Camiño de Santiago II’, concedido pola Xunta de Galicia ao Concello de Sarria, comezou as obras de mellora do pavimento nos núcleos de Aguiada e Perros, ambos na parroquia de Calvor, por onde transcorre a ruta xacobea.

Vinte alumnos-traballadores iniciaron a pasada semana os preparativos previos á execución destas labores, supervisadas por dous monitores, ao tempo que reciben formación en pavimentos de albanelería e urbanización, unhas clases teóricas que se imparten tanto no antigo centro de saúde como na aula Cemit.

Segundo explica o director do obradoiro, Antonio Taboada, a actuación consiste principalmente en substituír o formigón por lousa en dous treitos do Camiño Francés ao seu paso por estes núcleos, seguindo cunha mellora que xa iniciara o anterior taller de emprego na vila de Sarria, onde, entre outras obras, acondicionou en lousa un paso para peregrinos na baixada dende o cemiterio municipal cara á Ponte da Áspera.

No caso de Perros, todo o treito seleccionado irá en lousa mentres que na Aguiada combinarase este material con formigón lavado.

Trátase de recuperar pavimentos máis tradicionais, previa autorización da dirección xeral de Patrimonio. Ademais, e segundo apunta o director, as obras terán a supervisión dun arqueólogo ao afectarlle ao Camiño Francés, tal e como determinou este departamento autonómico.

O obradoiro, financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade con 347.000 euros, terá unha duración de nove meses.

Os alumnos divídense en dous grupos que se reparten entre Aguiada e Perros e, unha vez rematado este taller, obterán certificados de profesionalidade nas especialidades que cursaron.

Comentarios