domingo. 12.07.2020 |
El tiempo
domingo. 12.07.2020
El tiempo

A sociedade sarriá sae de novo á rúa para repudiar as agresións machistas

A concentración celebrouse na Praza da Constitución, diante do Concello, coincidindo coa celebración do pleno ordinario.
A concentración celebrouse na Praza da Constitución, diante do Concello, coincidindo coa celebración do pleno ordinario.
A corporación tamén condena durante o pleno os delitos sexuais cometidos presuntamente por dous rapaces duns 14 anos e dos que foron vítimas outras dúas menores da localidade

A sociedade sarriá saíu de novo este luns á rúa para amosar a súa enérxica condena ás agresións machistas despois de que dúas menores de idade fosen vítimas de delitos sexuais presuntamente cometidos por dous veciños duns 14 anos. Estes feitos, acontecidos na noite do 24 ao 25, veñen sumarse ás lesións e intento de violación que sufriu outra muller días atrás nas Aceas, polo que fora detido e posto en liberdade con medidas cautelares un mozo de 23 anos.

Polos últimos casos, acontecidos coincidindo cun botellón no Chanto, os presuntos agresores prestaron declaración este luns na Fiscalía de Menores que, segundo diversas informacións, acordou liberdade vixiada para eles con medidas de alonxamento e non comunicación coas vítimas.

Como repulsa a estes ataques machistas, o colectivo feminista Mulleres de Raíz convocou unha concentración ante o Concello baixo o lema "Violáronas a elas, viólanos a todas. Nin un paso atrás!!". Veciños e veciñas de todas as idades, entre os que se atopaban moitos adolescentes, participaron neste acto no que soaron cánticos coma "non viola o botellón, viola o violador" ou "non é non, o demais é violación".

Mulleres de Raíz leu un manifesto para "solidarizarse" coas vítimas e ofrecerlles apoio e forza "para que se podan restablecer física e psicolóxicamente canto antes". Tamén amosaron a súa condena ás "brutais" agresións de xénero e aos supostos autores. "Eles e as súas presuntas agresións sexuais non teñen cabida en Sarria", afirmaron durante a concentración, na que se referiron ás violencias sexistas como "violacións a todos os corpos das mulleres da vila e aos propios dereitos humanos de calquera persoa". Tamén puxeron o foco na "cultura da impunidade que alimenta a violencia sexual" cara á muller.

A concentración celebrouse durante o pleno ordinario e, aínda que a sesión non se suspendeu, foron moitos os concelleiros que abandonaron a sala momentaneamente para sumarse ao acto.

A corporación tamén quixo deixar constancia da súa repulsa cunha declaración institucional. "Ante las últimas agresiones brutales de género llevadas a cabo contra dos mujeres menores de edad, la corporación de Sarria manifiesta la condena por estos hechos que consideramos como un ataque machista y a toda la sociedad. Por ello la rechazamos y condenamos. En primer lugar queremos defender a las víctimas, por lo que estos hechos deben tener una manifestación clara de reproche y repulsa social", sinalou o alcalde, Claudio Garrido, ao inicio do pleno, no que tamén lembrou a agresión acontecida nas Aceas.

Durante o debate aprobouse por unanimidade unha moción do BNG para solicitar a ampliación a todo o territorio do servizo de Oficina de asistencia ás vítimas de delitos violentos e contra a liberdade sexual. O concelleiro Efrén Castro defendeu esta moción, que pide tamén un xulgado de violencia de xénero para Lugo e a reformulación e ampliación da rede de Centros de Información á Muller (CIM). "Cada vez que as institucións xeneran unha situación ou sensación de inseguridade e desprotección nas vítimas estamos fracasando como sociedade", afirmou Castro, quen leu un poema de Rosalía para concluír que "se a sociedade non avanza o feminismo seguirá empuxando ata lograr o cambio estrutural necesario".

Todos os grupos políticos foron claros no seu rexeitamente á violencia machista, que mañá motiva unha nova concentración, ás 20.30 horas, no campo de rugby.

A sociedade sarriá sae de novo á rúa para repudiar as agresións...
Comentarios