A semente dun cura todoterreo

Julio Fernández Doval leva 22 igrexas de Sarria, Paradela, O Incio e Bóveda, onde puxo en marcha un coro que vai cumprir dez anos

Coro Interparroquial del sacerdote Julio Fernández Doval de Sarria. EP
photo_camera Coro Interparroquial do sacerdote Julio Fernández Doval de Sarria. EP

NOS SEUS 35 anos de sacerdocio, Julio Fernández Doval tivo que cambiar de coche dez veces. O último ten só un ano e o contaquilómetros marca xa 45.000. "E sen saír de aquí", precisa o crego, que un día normal pode facer "tranquilamente cento e pico quilómetros". A razón de tanto percorrido é atender as 22 localidades que administra, repartidas entre os concellos de Sarria, Paradela, O Incio e Bóveda, o que require non só de habilidade ao volante senón tamén dunha organización milimétrica.

"Tes que ter todo moi programado", asegura o párroco, coñecido por unha puntualidade británica e por ir sempre acompañado dunha axenda, indispensable para facer cadrar tan alto número de compromisos relixiosos. Na súa rutina non é estraño velo oficiar ata tres cerimonias nunha mesma tarde, e en igrexas que distan entre si. Nestes casos tira de experiencia. "Para min as distancias son relativas. Sei moitos atallos. O GPS non o traballo. Primero experimento, exploro a situación e vou directamente", explica entre risos.

Aos seus 65 anos, Julio Fernández Doval está á fronte dos templos de Belante, Biville, A Pinza, Vilamaior, Nespereira, Chorente, Froián, Loureiro, Santo André de Paradela e Oural (no concello de Sarria); Castro de Rei, Andreade, Vilaragunte e Barán (no municipio de Paradela); Pacios, Noceda, Covela, Rubián de Cima e A Cervela, pertencentes ao Incio; e San Fiz de Rubián, Santiago de Rubián e Divino Ecce Homo en Bóveda, o que o converte nun dos cregos con más parroquias ao seu cargo.

Para poder atendelas todas estableceu dous centros de referencia: un na capela do Ecce Homo de Rubián e outro na igrexa de San Xosé Obreiro de Oural, nas que oficia misa todos os domingos. Foi neste último templo onde puxo a semente, hai case unha década, dunha iniciativa que agromou con éxito. Afeccionado dende sempre á música -cantou na coral de Samos-, Julio Fernández promoveu a creación dun coro entre os fregueses das distintas parroquias co obxectivo de animar as misas dominicais e incentivar a participación veciñal. "Quería ter algo que axudara a darlle vida ás celebracións", comenta. Foi así como naceu, no Nadal do 2009, o Coro Interparroquial, dirixido por Sandra López e formado por once mulleres e sete homes, con idades de entre 25 e 70 anos, que se reúnen todos o martes para ensaiar.

"Fano dende o desprendemento e a xenerosidade total", afirma o cura, agradecido pola vontade altruísta deste grupo de persoas, que son "o eixo dinamizador". "Eu sempre digo que se o facemos ben, mellor, pero se algún día non sae tan ben, non pasa nada, porque o importante é o acompañamento, e mentres haxa xente colaboradora, hai vida no lugar", asegura.

O Coro Interparroquial, aberto a todos os fregueses de Julio Fernández, realiza máis de 70 actuacións ao ano, todas gratuítas e con moi boa acollida. Ademais da misa dos domingos en Oural, actúa nas festas de cada parroquia -cun repertorio relixioso, pero adaptado a cada situación e ao tempo litúrxico- e organiza festas especiais por Reis ou polo Día da Nai.

"Ten que haber algo para que as celebracións non sexan monótonas. A música dá alegría e é unha riqueza ter algo participativo", apunta o cura, quen tamén implantou un estilo propio na catequese da confirmación. Así, os rapaces realizan esta preparación por correo electrónico con material seleccionado polo párroco, que recorre a internet nun intento de facela "un pouco máis atractiva".

Con tanta actividade e trafego, a palabra xubilación non entra no vocabulario deste crego todoterreo. "Iso vén cando marca a providencia ou a saúde", conclúe.

Comentarios