O selo editorial sarriao Alauda Negra prepara 'MAN', o seu novo fotolibro

Esta obra reflectirá a historia de Manfred Gnädinger, o artista alemán asentado e finado en Camelle, a través da edición de Xosé Lois Gutiérrez, que acolle o proxecto con "moito orgullo"
Xosé Lois Gutiérrez, creador da editorial Alauda Negra. EP
photo_camera Xosé Lois Gutiérrez, creador da editorial Alauda Negra. EP

O de Alauda Negra é unha cousa "senlleira". Así define Xosé Lois Gutiérrez a súa editorial, que naceu hai xa cinco anos co fin de apostar pola creación do seu propio selo dende Sarria, a terra que o acolleu cos brazos abertos e na que se sentiu seguro e preparado para apostar por si mesmo e por decenas de autores e autoras que buscaban autoxestionar obras fotográficas de carácter experimental dende unha perspectiva única, á marxe do sistema de distribución convencional, e cun punto de vista subversivo.

E un lustro despois, o lalilense prepara o seu terceiro fotolibro, MAN, a obra gañadora na categoría de fotografía documental do Festival FFoco da Coruña. Trátase dun traballo elaborado polo colectivo Cadela Negra, tendo como autores a Lois Cid e a Antonio Cortés, que se centra na figura do artista alemán Manfred Gnädinger, tamén coñecido como Man ou o alemán de Camelle, que creou unha peculiar paisaxe de pedra preto da praia onde vivía, onde coidaba do seu propio xardín, na Costa da Morte.

Interesados pola súa peculiar historia, os autores recuperaron a memoria deste home a través dunha mestura de imaxes autónomas con outras del para "debullar a súa presenza e a súa pegada na Costa da Morte", tal e como explica Xosé Lois Guitiérrez, que xa traballa da edición desta obra, da que se sente "moi orgulloso", porque se trata dunha historia local que é "totalmente universal á mirada de calquera persoa".

E é que un dos requisitos imprescindibles para Alauda Negra é que as obras traten de Galicia. "Para nós é importante reivindicar a figura do local como posible e universal, falando de nós ou sobre nós", di o creador do selo sarriao, que fala en plural porque considera que todos os autores cos que traballa forman parte do seu selo, como un equipo, aínda que el é o que se encarga de todo o proceso de edición. Guitiérrez afirma que a idea de creación "vai máis alá de estatuto de artista", e que, como dicía o alemán Joseph Beuys, "cada home é un artista, e eu penso igual, máis alá de que profesionalice ou non a súa arte".

Por iso o editor non busca "profesionais" na materia, senón a artistas que teñan algo que dicir sobre Galicia, sobre as súas xentes ou sobre as súas paisaxes. Proba diso son O desengano de Julián Barón, ou Ánima de Ruth Montiel Arias, os outros dous fotolibros editados por Alauda, que tratan sobre o desastre do Prestige, no primeiro caso, e sobre a tradición da matanza dende un punto de vista antiespecista, no segundo.

Esta primavera sairá ademais un traballo de Amador Lorenzo sobre Ourense, e outro de Elisa Gallego sobre o impacto da paisaxe, enmarcados dentro da colección Papeis, que é a sección matriz da editora. Mentres tanto, Xosé Lois Gutiérrez continuará atento a todas esas miradas que non atopan o seu lugar no mundo editorial, ao igual que fixo el en 2019. "Publicar e experimentar co papel segue e seguirá a ser a esencia de Alauda", asegura o seu creador.

"Alauda reivindica a sarrianeidade"

"Aulauda reivindica a sarrianeidade porque o seu fin é demostrar que nos lugares periféricos hai cultura, e que se pode facer cultura dende eles", asegura Xosé Lois Gutiérrez, que intenta que a maior parte da produción se leve a cabo dende Sarria, xa que afirma, que ademais de posible, "é necesario mostrar que hai medios e vontate".

A editora tamén naceu co obxectivo de dar cabida a artistas sarriaos, como xa fixo coa obra do fotógrafo Toño de López, que alcanzou "un grande éxito", non só en Galicia, senón tamén en países como Francia ou Reino Unido, polo que continuarán dando espazo a máis locais.

Comentarios