domingo. 05.12.2021 |
El tiempo
domingo. 05.12.2021
El tiempo

Seguindo as pegadas do mamut

O Incio, terra do mamut. EP
O Incio, terra do mamut. EP

O concello do Incio, onde apareceron os únicos restos de mamut en Galicia, quere facer del un símbolo de identidade. Para iso, proxecta acondicionar un roteiro de senderismo de oito quilómetros por zonas de atractivo paisaxístico e arqueolóxico, e instalar na capitalidade unha réplica a tamaño natural do animal prehistórico

A cova de Bermún. EPCASTROS, PETRÓGLIFOS, igrexas románicas, manancial de augas ferruxinosas, camposantos cubertos... Son moitos os elementos patrimoniais que gardan as terras do Incio, onde tamén repousaron durante séculos os únicos restos de mamut atopados en Galicia. Este feito singular, descoñecido aínda para moitos, será posto en valor coa creación dunha nova ruta de sendeirismo, dentro dun proxecto co cal o Concello pretende converter este animal prehistórico en todo un símbolo do Incio.

Foi un 2 de maio do ano 1961 cando os traballadores da canteira de calcaria de Buxán, na parroquia de Santa Cristina, de onde se extraía material para a fábrica cementeira de Oural, atoparon uns restos que lles chamaron a atención polo seu tamaño e forma.

Demasiado grandes para pertencer a unha vaca, comunicaron o achado ao xeólogo Isidro Parga Pondal e, unha vez analizadas as pezas, resultaron ser dous molares (un inferior dereito de 19,5 centímetros de longo por 14 de ancho, e outro esquerdo, de 8 por 18 centímetros), dúas vértebras e outros ósos dun mamut lanudo, Mammuthis primigenius.

"No período máis frío do Pleistoceno, con xeadas presentes nos pastos do norte e centro de Europa, unha migración obrigada levou o mamífero a pastar nos vales de Lemos e Sarria, ata que unha greta na superficie calcaria puido acabar coa súa vida. Alí, atrapado, deixou o seu legado. Ou, quizais, os seus restos foron arrastrados polas condicións meteorolóxicas ata o interior dunha greta de dous metros de profundidade por un de anchura na canteira de Buxán", explica o Concello do Incio.

O seu obxectivo é reivindicar o achado e dar a coñecer o lugar no que apareceron estes restos, que se expoñen no Museo de Historia Natural da Universidade Luis Iglesias de Santiago de Compostela.

"Queremos que o mamut se asocie co Incio", asegura a alcaldesa, Laura Celeiro. Para iso, o primeiro paso foi serigrafiar o camión do lixo coa imaxe deste animal prehistórico e da igrexa de San Pedro Fiz de Hospital, outro dos símbolos do municipio.

"Queremos que o mamut se asocie co Incio", asegura a alcaldesa, Laura Celeiro

A seguinte iniciativa será a promoción dun roteiro seguindo os pasos do mamut, que tamén se fará visible cunha réplica a tamaño natural no centro da capitalidade. Todo isto terá un custo duns 62.000 euros, para cuxo financiamento o Concello vén de solicitar unha axuda ao Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ribeira Sacra-O Courel, xestor duns fondos Leader europeos que xa posibilitaron no Incio o acondicionamento da Ruta do Ferro.

PERCORRIDO. Segundo o proxecto presentado ao GDR, o novo roteiro percorrerá unha distancia de oito quilómetros, pasando por lugares de interese paisaxístico, etnográfico e arqueolóxico, nos que se suceden castros, covas e mámoas.

O punto de partida sitúase en Lebón, no quilómetro 5 da estrada LU-641, onde se localiza un castro na confluencia do río Mao e un regato. De cara ao futuro barállase habilitar un pequeno centro de interpretación dos castros no local social deste núcleo.

O proxecto contempla traballos de limpeza e sinalización de todo o percorrido

O roteiro continúa por un antigo camiño e pasa por unha ponte sobre o río Mao para ascender ata a Serra de Santa Mariña. Esta zona, sita entre os concellos do Incio, Samos e Sarria, alberga unha necrópole con 45 túmulos do Neolítico final que goza da consideración de Ben de Interese Cultural (BIC) e que podería ser o xacemento deste tipo máis importante de Galicia.

Preto da ruta tamén se atopa o castro de Formigueiros -no veciño concello de Samos, onde houbo escavacións arqueolóxicas- e, dentro do percorrido, o castro de Bermún e a cova do mesmo nome. O castro de Goó, "lugar privilexiado cun gran dominio visual", será outra das paradas deste traxecto para sendeiristas, que rematará na canteira na que apareceron os restos do mamut, en Buxán, núcleo este no que tamén se pode visitar o Museo da Pedra.

O proxecto contempla traballos de limpeza e sinalización de todo o percorrido, instalación de paneis informativos e solicitude de homologación por parte da Federación Galega de Montañismo, ademais da colocación da réplica dun mamut lanudo.

"O que se pretende é dar resposta a esa crecente tendencia cara un turismo máis alternativo e acorde coa sensibilidade ecolóxica actual, promovendo unhas actividades como son o sendeirismo e un futuro proxecto de desenvolvemento turístico para a contorna, tendo como símbolo e eixo fundamental o mamut e o resto de patrimonio etnográfico e cultural que posúe este concello", sinala o goberno. Porque no pasado tamén pode haber un recurso para o futuro.

Seguindo as pegadas do mamut
Comentarios