Un século sen un sarriao insigne

O 23 de xuño de 1921 falecía o chocolateiro Venancio Vázquez, fundador de Villa Aurelia, primeiro presidente do Centro Galego de Madrid e un dos industriais máis destacados da época
undefined
photo_camera Villa Aurelia, edificio fundado no 1890 por Venancio Vázquez e onde recibiu a Alfonso XIII no ano 1907. EP

Se coñecida é a figura do industrial chocolateiro e filántropo Matías López, non é menos importante a de seu sobriño Venancio Vázquez, empresario modélico do mesmo ramo, presidente do primeiro Centro Galego de Madrid, político e home preocupado polas causas sociais, quen tivo a honra de recibir en Villa Aurelia —edificio que el fundou e actual sede da sociedade La Unión— ao rei Alfonso XIII. O 23 de xuño de hai cen anos falecía na súa querida Sarria, que decidía suspender as festas de San Xoán en sinal de dó pola perda de tan ilustre veciño.

Venancio VázquezVenancio Vázquez López naceu na vila no ano 1847. Segundo explica o investigador sarriao Xaime Félix López Arias, Arlindo, era fillo de José Vázquez Mourelo, un carpinteiro procedente de San Pedro de Froián, e de Manuela López López, irmá do chocolateiro Matías López. Seguindo os pasos de seu tío, marchou para Madrid con só 12 anos, entrando ao servizo deste e destacando polas súas boas cualidades, tanto que aos 19 foi xa "comisionado ao estranxeiro para facer importantes compras".

Tal e como recolleu Román García Varela no seu libro La incidencia de las gentes de Sarria en el mundo, no ano 1873 Venancio Vázquez integrouse como socio na compañía López y Vázquez, dedicada á fabricación de chocolates a galletas, cuxos produtos foron premiados en 24 exposicións tanto españolas como estranxeiras. Cinco anos despois obtivo o título de provedor da Casa Real.

Primeiro no distrito de Chamberí e despois en Pozuelo de Alarcón, ergueu grandes fábricas nas que deu traballo a numerosas persoas. No 1902 constituíu, xunto a outros industriais, La Fortuna, unha das máis importantes de España no primeiro terzo do século XX e da que foi elixido xerente por acordo da xunta xeral.

No ámbito persoal, casou con Dolores Rodríguez Cubas e tiveron cinco fillos. O sarriao foi tamén a cabeza visible do Centro Galego de Madrid, ademais de ocupar varios cargos na Unión Mercantil e Círculo Mercantil Matritense.

Como político adscrito ao Partido Liberal, foi elixido deputado en Cortes nos comicios do 1901 con 14.444 votos, e exerceu tamén como concelleiro en Madrid.

En Sarria, edificiou Villa Aurelia, unha casa-fonda na Rúa do Porvir e un panteón granítico de grandes proporcións no cemiterio municipal, onde recibiu sepultura tras o seu falecemento o 23 de xuño do 1921 á idade de 74 anos.

Na galería de Villa Aurelia ofreceu unha merenda a Alfonso XIII o 23 de setembro do 1907 con ocasión dunha visita do monarca á provincia con motivo das manobras militares en Bóveda.

Un feito tan "singular" quedou recollido no seu día nunha placa conmemorativa e, segundo relata Arlindo, no chan "puxeron cravos de ouro, xa desaparecidos, que sinalaban o lugar onde estivera a cadeira na que sentou o rei".

Un coleccionista que deixou varias obras benéficas
Venancio Vázquez non só se caracterizou pola súa iniciativa empresarial e a actividade política, senón tamén polas obras benéficas, que lle valeron varias distincións, como a de Fillo Adoptivo de Santa Cruz de Alhama, en Granada, pola xenerosidade cos afectados por uns terremotos no 1885. 

Dous anos máis tarde, durante unha crise obreira, montou unha tenda-asilo para axudar aos máis necesitados. 

Outras das súas facetas, quizais menos coñecida, e que tamén recompila Arlindo, é a de coleccionista de porróns, chegando a reunir unha "magnífica" escolma, con pezas de toda España, parte das cales conformaron unha exposición no San Xoán do 1989. 

Cámara de comercio 
Na súa vila natal foi un dos promotores da Cámara de Comercio, cedeu un baixo na Rúa Porvir para instalar o Círculo das Artes, "fixo xenerosas aportacións para axuda dos pobres, pagou vidreiras da igrexa conventual da Mercé e prestou axuda en xestións para facer melloras urbanística e de equipamento da vila", explica o investigador local. 

Tamén ofreceu un xantar para todos os maiores de 80 anos da comarca. E a el se deben os soberbios exemplares de castiñeiro, cedro e teixo que se conservan en La Unión. 

Recoñecementos 
Entre outras distincións, fóronlle concedidas a Gran Cruz de Isabel la Católica e do Cristo de Portugal.

Comentarios