O sarriao Xaime López Arias recibe no Concello de Teo o Caxato de Avelino

O avogado e investigador sarriao recolleu o recoñecemento polo seu estreito vencello con Pousa Antelo, mestre na Granxa de Barreiros
López Arias (esquerda), no intre de recibir a sdistinción. CONCELLO DE TEO
photo_camera López Arias (esquerda), no intre de recibir a sdistinción. CONCELLO DE TEO

O avogado, profesor e investigador sarriao Xaime Félix López Arias, Arlindo, foi recoñecido onte en Teo co noveno Caxato de Avelino polo seu estreito vínculo con Pousa Antelo, o recordado mestre da Granxa de Barreiros.

O acto celebrouse na Casa do Concello coincidindo co décimo aniversario do pasamento deste intelectual galeguista e fillo adoptivo de Teo, quen no 1946 se puxo á fronte da escola agrícola de Barreiros fundada en Ortoá (Sarria) por Antonio Fernández López, un proxecto educativo pionero e con fondas raíces no medio rural.

A Irmandade Avelino Pousa, xunto coa Irmandade Manuel María e asociación cultural Xermolos quixeron distinguir co Caxato de Avelino na súa edición deste ano a López Arias. Este experto na historia local, excronista oficial e membro do Seminario de Estudos Sarriaos Francisco Vázquez Saco non só mantivo un estreito vencello co mestre de Barreiros, senón tamén co seu alumno, o docente e tradutor Valentín Arias.

"Hónrame aceptar esta entrega polo que significa a figura de Pousa Antelo, tanto a nivel de Sarria, onde desenvolveu a súa actividade en Barreiros como pola súa contribución ao mantemento do noso patrimonio cultural", afirmou López Arias. Lembrou tamén a participación do profesor e intelectual nas festas de San Xoán de Sarria, das que foi o primero Tamborileiro Municipal. Ademais, destacou "o seu maxisterio e compromido cidadán con Galicia ou longo da súa dilatada vida".

O acto, que tivo como mantedor ao seu amigo Baldomero Iglesias Dobarrio (Mero), contou coa participación doutras persoas recoñecidas co Caxato, como as irmáns do Incio Marica e Tareixa Campo ou familiares de Valentín Arias. A xornada rematou cunha ofrenda floral diante do monólito na honra de Pousa Antelo, situado no paseo ao que lle dá nome.

Comentarios