Miércoles. 21.11.2018 |
El tiempo
Miércoles. 21.11.2018
El tiempo

Sarria toma folgos tras a Noite Meiga

Recreación da danza da Noite Meiga. VILA
Recreación da danza da Noite Meiga. VILA

A Festa da Empanada pechou unha fin de semana repleta de actos no Chanto, onde as meigas e os trasgos volveron danzar ao son do pandeiro e baixo unha lúa chea

TRAS unha fin de semana do máis intensa en Sarria, a Festa da Empanada serviu o domingo para coller folgos e poñer o colofón a unha Noite Meiga de lume, música e danza na que participaron centos de persoas.

Nun día no que o tempo volveu acompañar de novo, a asociación cultural Meigas e Trasgos repartiu unhas 300 racións de empanada no seu local social do Chanto, xunto con embutidos de Cárnicas Teijeiro, queixos de Queserías Sarrianas e auga de Fontecelta, a un prezo conxunto de 5 euros.

A panadería Pallares, especializada xa en festexos ao grande, elaborou para a ocasión dúas empanadas xigantes de un metro de diámetro cada unha delas, varias mais pequenas e unha barra de pan que sorprendeu polos seus dous metros de lonxitude e da que deron boa conta os comensais.

A Festa da Empanada, celebrada por noveno ano, foi precedida de obradoiros infantís nos que tomaron parte máis de trinta nenos. Houbo tamén música a cargo do grupo sarriao R.A.S., dentro do programa Vermú do Camiño e unha longa sobremesa animada por Cé Orquestra Pantasma.

Estes actos puxeron fin a tres días de festexos da Noite Meiga, que comezaran xa o venres cos concertos de Road Mouse e Taninos Maduros para abrir boca.

O sábado tivo lugar a xornada grande, co pregón da escritora Rocío López Núñez, seguido das actuacións dos grupos de música e baile de Meigas (Garulaxe e Burbuxiñas) e dos membros da asociación cultural Peleriños, que este ano foi nomeada socia de honra de Meigas e Trasgos. Tamén houbo un recoñecemento especial para o gaiteiro José Rivera, que recibiu o título de Trasgo Xentil.

Esa mesma noite, o local da asociación acolleu unha cea que completou a capacidade. Un total de 260 adultos e 60 nenos acudieron ao ágape, servido nesta ocasión pola empresa Valenciaga da Estrada. Rematado banquete e pasada a unha da madrugada, chegou o momento central, coa recreación da danza da Noite Meiga, ideada pola fundadora da asociación, Carmela González. Ana Miranda púxolle voz a unha lenda máxica, acompañada ao pandeiro de Ismael García. Ao redor dunha fogueira e con fachos acesos, oito meigas, catro trasnos e a "meiga maior" representaron este baile teatralizado nunha noite enfeitizada pola presenza de lúa chea.

Comezaron nun escenario no Chanto, só co son do pandeiro, da voz da cantante e o retumbar dos seus pasos no escenario, e remataron no anfiteatro de Meigas arroupados polos aplausos das múltiples persoas alí reunidas.

Para pechar a noite, tocaron Airiños da Freba e Louband, cuxos acordes non deixaron de soar ata as seis da mañá.

O presidente de Meigas e Trasgos, Julio Francisco González Gua, destacou o bo desenvolvemento dos actos e a afluencia de público durante os tres días. Segundo lembrou, a Noite Meiga cumplirá medio século de vida dentro de dous anos, un aniversario para o cal esperan que sexa, como se merece, Festa de Interese Turístico.

Sarria toma folgos tras a Noite Meiga
Comentarios