Sarria propón taxas máis altas para as terrazas en estacionamentos

A nova ordenanza fiscal irá a pleno este xoves e o día 8 haberá unha reunión cos hostaleiros
Terrazas no paseo do Malecón de Sarria nun día de verán. AEP
photo_camera Terrazas no paseo do Malecón de Sarria nun día de verán. AEP

O Concello de Sarria vén de elaborar unha nova ordenanza fiscal para a ocupación de espazos por terrazas do sector hostaleiro, a cal contempla unha taxa máis elevada para aquelas que se sitúen en zonas de vía pública dedicadas ao estacionamento de vehículos.

Esta modalidade, xurdida a raíz da pandemia, terá que aboar, segundo esta proposta, un importe anual de 36,78 euros por metro cadrado, que será de 4,60 euros no caso de pagar por mes. Pola súa banda, o resto de terrazas terán unha taxa de 3,68 euros por metro cadrado e mes ou de 29,42 euros por metro cadrado e ano.

A ordenanza recolle tamén o suposto de instalacións non habituais, realizadas en días puntuais como poden ser as festas de San Xoán ou para a celebración de espectáculos, que aboarán unha tarifa de 0,8826 euros por día e metro cadrado de superficie.

Segundo explicou o concelleiro César No, esta proposta foi redactada en base ás directrices do servizo de Tesouraría municipal e será sometida a aprobación no pleno que se celebrará o vindeiro xoves, ás 19.30 horas.

A nova ordenanza virá substituír a que rexía en Sarria dende xaneiro do ano 2002, que establecía un prezo único de 2,40 euros por metro cadrado, con independencia de se a licenza se concedía para todo o ano ou por tempada, cantidade que se incrementaba en función da utilización de toldos, marquesiñas, separadores ou elementos complementarios.

Porén, esas taxas levan catro anos sen recadarse, toda vez que o Concello deixou en suspenso o cobro con motivo do covid e prorrogou esa medida ata a actualidade, á espera de elaborar esta ordenanza que actualiza os prezos despois de máis de dúas décadas.

A nova normativa de terrazas en Sarria

Previamente, redactouse unha nova normativa que marca as características que deben respectar as terrazas en Sarria e que foi aprobada polo pleno o pasado mes de febreiro, coa abstención dos tres grupos da oposición.

Entre outros aspectos, regula a instalación en zonas de estacionamento, establece un espazo mínimo de 1,50 metros para o paso de peóns, prohíbe o uso de mobiliario con publidade no casco histórico e fixa uns horarios de apertura (cun máximo ata as 2.30 da madrugada en xullo, agosto e San Xoán).

Esta ordenanza reguladora atópase en fase de exposición pública, polo que é o momento de presentar alegacións e introducir cambios. Con este fin, o goberno de Camiña Sarria convoca a todos os hostaleiros da localidade a unha reunión que terá lugar o vindeiro luns, día 8, ás 17.30 horas, no salón de plenos para informar sobre a nova normativa e escoitar as suxerencias deste gremio.

Por outra banda, o pleno do xoves volverá tratar as ordenanzas fiscais do cemiterio, os vados e os postos do campo da feria, que foron rexeitadas na anterior sesión cos votos de PP e PSOE.

No caso dos postos ambulantes existe unha petición dos vendedores, acompañada de firmas, para que o cobro siga sendo por metro lineal e non por metro cadrado.

Comentarios