Sarria presume da súa zona rural

O Concello promociona os recursos propios cun vídeo financiado polo GDR, da autoría de Formoselle e protagonizado por dous veciños
Fernando Díaz Loureiro e Julia López López, nun fotograma do vídeo. FORMOSELLE
photo_camera Fernando Díaz Loureiro e Julia López López, nun fotograma do vídeo. FORMOSELLE

Moitas veces a imaxe de Sarria aparece ligada á Fortaleza ou ao seu patrimonio urbano, pero os recursos que ofrece este municipio van máis alá. A zona rural concentra gran parte dos seus atractivos e potencialidades e aí é onde incide un vídeo promocional que vén de elaborar o Concello con fondos do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Miño-Ulla.

Baixo o lema Sarria é moito máis, o fotógrafo e videógrafo Víctor Formoselle firma este traballo, que vén a demostrar que "o urbano vive do rural" e que "a xente que vive do campo lle dá valor a Sarria", explica o autor.

Protagonizado polos veciños Fernando Díaz Loureiro e Julia López López, o vídeo exalta a natureza do municipio, a importancia do sector agrícola e gandeiro, a artesanía, o patrimonio ou a gastronomía destas terras.

► VEXA O VÍDEO NO SEGUINTE ENLACE

Con guión do propio Formoselle, toma como punto de partida a figura dun peregrino que se adentra no concello polo Camiño Francés e que, na capela da Aguiada, se atopa cunha veciña da zona disposta a resolver as súa dúbidas e explicarlle o que é Sarria.

Comeza así un percorrido visual no que ten cabida dende unha gandaría de Manán, ata o traballo do luthier Xermán Arias ou a tradición dos Santiños que elaboran as pastelerías locais con motivo da festividade do 1 de novembro. Para a creación deste contido, o autor visitou tamén a varios artesáns e agricultores locais, así como fábricas de embutidos, exportadores de mazás ou unha empresa de castañas.

CON DRON. Ademais, achegouse ao mundo da apicultura a través do párroco de Lier Leopoldo Sanmartín e deixou constancia da beleza natural e do interese patrimonial do concello con varias tomas captadas con drons en lugares como Farbán, a capela de San Marcos ou varios puntos do Camiño de Santiago.

Para contar esta pequena historia, Formoselle elixiu como protagonistas a Fernando Díaz, que durante moitos anos participou na Aula de Teatro de Sarria e no grupo Rebuldeira, así como a Julia López, para quen esta colaboración supuxo a súa primeira incursión neste mundo.

Ambos prestáronse de xeito desinteresado e amosaron unha boa sintonía ante a cámara, nunha experiencia con resultado satisfatorio. "A montaxe quedou espectacular", opina o actor.

Tamén o Concello, promotor deste vídeo, destaca a importancia de dar a coñecer todos os recursos da zona rural de Sarria e contribuír ao seu desenvolvemento. Segundo sinala a concelleira de cultura, Reyes Abella, este traballo xa se pode ver nas redes sociais —onde está a ter unha boa acollida— e tamén se difundirá a través da nova web oficial que se atopa en proceso de preparación.

Unha vez rematado o confinamento, o Concello sarriao publicou outro vídeo da autoría de Formoselle para lanzar unha mensaxe de ánimo a toda a poboación ante a pandemia e expresar un sentimento de orgullo do propio.

Comentarios