ESPECIAL FIN DE ANO ► SARRIA

Un colexio na procura dunha nova normalidade

O Ceip Frei Luis de Granada reviviu as fendas que xa sufrira no 2011 e que motivaron mobilizacións, traslado de alumnos e obras por 1,2 millóns
Rehabilitación do colexio sarriao, que deberá estar lista neste 2021. VILA
photo_camera Rehabilitación do colexio sarriao, que deberá estar lista neste 2021. VILA

Neste fatídico 2020, o colexio sarriao Frei Luis de Granada viaxou no tempo nove anos atrás. As fendas que xa naquel 2011 obrigaran a trasladar o alumnado a outros centros de ensino reproducíronse nas primeiras semanas deste ano e mobilizaron á sociedade sarriá na demanda dunha solución definitiva para esta problemática. 

Un día de xaneiro, o centro de ensino público amenceu con puntais no patio, nalgunhas aulas e corredores. As fendas fixeran de novo acto de aparición e, malia que a administración reiteraba que o colexio era seguro para impartir clase, a gran maioría das familias dos 370 nenos e nenas optaron por non levalos ás aulas. 

A reacción dos proxenitores non se fixo agardar. Diante do colexio celebrouse unha concentración, seguida uns días despois dunha multitudinaria manifestación para reclamar unha actuación en profundidade. Tamén se creou a Plataforma en defensa do Frei Luis e convocouse unha segunda protesta, que xa non se puido celebrar ao decretarse o estado de alarma. 

Dende Educación ofreceron o traslado do alumnado á antiga Escola Fogar, sometida previamente a unhas obras de acondicionamento que xeraron queixas por deficiencias como o pequeno tamaño das aulas. Neses mesmos días, a consellería acometeu uns traballos de reforzo en varias partes do edificio e encargou un proxecto de reforma estrutural, que foi finalmente adxudicado en 1.277.000 euros, cun prazo de execución de sete meses. 

A rehabilitación integral iniciouse en novembro, de xeito que o alumnado comezou o curso repartido entre a Escola Hogar e o IES Xograr Afonso Gómez, onde permanecerá ata que avanzado 2021 se poida recuperar a nova normalidade nun Frei Luis renovado. 

Comezaron os traballos previos da primeira fase da autovía entre Sarria e Lugo, que afecta a un treito de 11,5 quilómetros

No mes de novembro arrancaron tamén unhas obras longamente agardadas polos sarriaos, que levan décadas reclamando unha conexión por autovía con Lugo. A primeira fase do desdobramento do corredor afecta aos 11,5 quilómetros que separan Sarria da saída cara A Pobra de San Xiao e O Páramo, que son os que rexistran maior intensidade de tráfico e menos opcións de adiantamento. 

Os traballos neste treito foron adxudicados en 19,3 millóns de euros á Ute Ovisa-Covsa-Grupo Bascuas 2008-Construcciones Isidro Otero. Comezaron cos labores previos de roza e deberán estar listos nun prazo de 24 meses, o que implica o remate a finais de 2022

O 2020 despídese tamén con avances noutra das grandes necesidades de Sarria: a apertura de Ponte Ribeira despois de máis de seis anos cortada. O Concello vén de sacar a licitación en 114.000 euros a instalación dunha pasarela metálica provisional que permita recuperar o tránsito por esta ponte do Camiño Francés. A obra finánciase en base a convenio coa Deputación, no que se inclúen 18.000 euros para acondicionar a contorna de Ponte Ribeira. 

O ano a piques de rematar deixa, ademais, a compra para uso público da antiga Feculera de Sarria, pola cal o Concello pagou 300.000 euros procedentes da herdanza de José Sánchez Arias co obxectivo de destinar estas instalacións de 5.000 metros cadrados a almacén de vehículos, locais para asociacións e un auditorio. 

O esperado 2021 debería traer avances neses usos, así como na reapertura da piscina climatizada, pechada polo covid, ademais de impulsar o Camiño de Santiago —tan vital para a comarca— coa celebración do Xacobeo e lembrar a figura e a obra de Xela Arias co gallo do Día das Letras Galegas.

Comentarios