viernes. 20.05.2022 |
El tiempo
viernes. 20.05.2022
El tiempo

A sarriá Alba Vázquez, cum laude cunha tese sobre o uso das TIC nas gandarías

Alba Vázquez López. USC
Alba Vázquez López. USC
O traballo desta investigadora da Escola Politécnica apunta a que as explotacións de leite máis sostibles teñen maior grao de dixitalización

A sarriá Alba Vázquez López acadou a cualificación de sobresaínte cum laude cunha tese de doutoramento na que avalía o uso das TIC nas gandarías e a comunicación entre a administración pública e o sector a través das oficinas agrarias virtuais.

Segundo o traballo elaborado por esta investigadora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), as explotacións galegas de vacún de leite máis sostibles son tamén as que presentan un maior grao de dixitalización.

Ademais, teñen implantada entre as súas rutinas cotiás a tramitación en liña dos distintos procesos burocráticos.

A tese de doutoramento desta sarriá, que leva por título Metodoloxía para a avaliación Mid-term das oficinas agrarias virtuais: propostas para unha nova xeración, estivo coordinada polos profesores Martín Barrasa Rioja e Manuel Marey Pérez, integrantes do grupo de investigación Proxectos e Planificación da USC.

Segundo informou a universidade, o traballo realizado por Alba Vázquez é pioneiro e "abre un camiño moi relevante, tanto no ámbito das TIC como das explotacións agrícolas ou gandeiras, neste caso máis concretamente as ganderías de leite, de tanta importancia en Galicia".

Enorme carga burocrática

A doutoranda lembra a obriga das administracións de dotarse de canles de comunicación virtual coa cidadanía e faise eco "da enorme carga burocrática que soportan os agricultores e, especialmente, as persoas que rexentan explotacións gandeiras para tramitar permisos, axudas, incorporacións, saídas de animais, nacementos, baixas...".

Alba Vázquez elaborou un estudo de campo, con entrevistas antes da pandemia do covid a unha mostra representativa das explotacións gandeiras de vacún de leite de Galicia. A análise deses datos permite determinar que hai marxe de mellora nos procesos de comunicación coas oficinas agrarias virtuais. Tamén apunta outros parámetros como a progresiva resolución dos problemas de conexión en distintas áreas xeográficas ou a activación de alternativas como o teléfono 012.

A investigación conclúe que "se ben aquelas explotacións que poderiamos considerar máis sostibles son as que xa teñen instaurados os trámites burocráticos en liña nos seus procesos produtivos como un apartado máis do traballo, existe tamén un relevante número de explotacións que non fai uso deste tipo de opcións de comunicación e nin sequera o considera prioritario mentres estean dispoñibles outras alternativas".

O tribunal encargado de avaliar esta tese estivo presidido por Francisco Ortega, catedrático da área de proxectos de enxeñería da Universidade de Oviedo.

A sarriá Alba Vázquez, cum laude cunha tese sobre o uso das TIC nas...
Comentarios