O San Xoán de Sarria terá música nas rúas e un concerto de Eloi Caldeiro

O Concello prepara unhas festas con máis actividades que o pasado ano, pero marcadas pola "prudencia" ante o covid-19
Actuación do grupo The Dixie Blinders o pasado ano no Malecón. AEP
photo_camera Actuación do grupo The Dixie Blinders o pasado ano no paseo do Malecón, nas datas de San Xoán.

O Concello de Sarria ten en marcha os preparativos das festas de San Xoán que, segundo avanza, contarán con música nas rúas e cun concerto de peche a cargo de Eloi Caldeiro, quen vén de musicar poemas de Xela Arias. Serán unhas patronais con máis actividades das que se puideron organizar o pasado ano pero, en todo caso, marcadas pola "prudencia" e a evolución do covid.

"Queremos que o San Xoán non pase desapercibido, pero coa precaución que a situación require para non poñer en risco o que se conseguiu ata o de agora", explica a concelleira de festexos, Geni Valcárcel, quen aposta por vivir eses días "con alegría e sentidiño".

Segundo comenta, a previsión coa que traballa o Concello é celebrar estas festas entre os días 23 e 27 de xuño, data esta última na que se pecharán os actos cun concerto do sarriao Eloi Caldeiro na Praza da Vila. "Nun ano dedicado a Xela Arias sería imperdoable non contar con el", afirma Valcárcel, en alusión ao disco-libro que acaba de publicar en base a poemas de autora sarriá homenaxeada este ano co Día das Letras Galegas.

A Praza da Vila será, en principio, o único escenario de concertos, con público "sentado e con distancia de seguridade". O resto de actuacións seguirán a filosofía do pasado ano pola pandemia: música na rúa, intentando chegar aos distintos barrios e coa participación de agrupacións locais de diversos xéneros e estilos.

A previsión é celebrar as patronais do 23 ao 27 de xuño, cun programa que se está deseñando en base á evolución da pandemia

"Trátase de darlle oportunidade a toda a nosa canteira e facelos partícipes das súas festas. É un pracer e unha obriga para o Concello contar con eles e máis neste momento complicado pola situación", sinala Valcárcel.

INFANCIA. Tal e como indica, nestes intres descártase a actuación de orquestras durante San Xoán para evitar aglomeracións­, así como a celebración da Noite do Lume no campo da feira, que queda fóra dos plans polo mesmo motivo. O que si haberá serán actividades pensadas para os nenos e nenas, as cales se están deseñando.

O programa está a ser confeccionado en función da evolución da pandemia, de modo que se atopa "suxeito a cambios".

"Será un San Xoán menos festeiro do que nos gustaría, pero tamén cheo de esperanza. Oxalá sexa o último con restricións e o ano que vén poidamos compensar a todos os sarriaos e sarriás cunhas patronais como se merecen", conclúe a concelleira, quen tamén pide "prudencia" para poder celebrar as festas sen "retroceder" e comprometer o resto do verán.

Comentarios