martes. 07.07.2020 |
El tiempo
martes. 07.07.2020
El tiempo

Un San Xoán insólito dende hai 80 anos en Sarria

Pasarrúas do grupo de música da asociación Peleriños. VILA
Pasarrúas do grupo de música da asociación Peleriños. VILA
A música nas rúas de Sarria pón o toque festivo a unhas patronais suspendidas por vez primeira dende 1941 por causa do coronavirus

A vila de Sarria vive un San Xoán insólito nos últimos 80 anos. A crise do coronavirus obrigou a suspender uns festexos dos que xa hai constancia documental a finais do século XVI e que se viñan celebrando de xeito ininterrompido dende 1941. A pandemia deixou aos sarriaos sen fogata, nin orquestras, nin barracas, nin pregón, nin procesión, pero o espírito festivo mantense nas rúas coa actuación de grupos locais e iniciativas de particulares que lembran estas datas especiais.

Tras unha Noite do Lume que non puido cumprir coa tradición da queimada no campo da feira, chegou o día de San Xoán e con el un pasarrúas por sorpresa da Banda de Música de Sarria que, baixo a batuta de José Antonio González, quixo felicitarlles así aos veciños o que sería a semana grande.

Peleriños e a charanga Polillas amenizaron tamén as rúas da vila, nunha xornada na que Skintight actuou xunto á igrexa de Santa Mariña e Influenza agardaba poder facelo a medianoite na Praza de Galicia, en pequenos concertos ao aire libre organizados polo Concello e Rúa da Música.

A presenza da churrería, coa súa localización habitual de San Xoán xunto ao antigo ambulatorio, contribuíu a dar un toque festivo, ao igual que a chegada do circo Olimpia, que se instalou na Rúa Castelao para ofrecer sesións dende hoxe ata o domingo.

Non faltaron as comidas familiares nin a o menú especial na residencia de maiores Nosa Señora do Carme, como tampouco as iniciativas de particulares para celebrar estas datas dentro das limitacións da crise sanitaria. Así, a asociación Sarria Mola organizou un evento no campo de rugby con distancia de seguridade entre mesas e a panadería Pallares fixo unha chiscadela ás tómbolas que este ano non pudieron vir repartindo boletos entre os seus clientes para sortear uns 80 agasallos.

O libro de festas, outro dos clásicos do San Xoán sarriao, non saíu nesta edición do prelo, mais a Tamborileira municipal, María Elena López González, escribiu un texto que se pode ler na páxina web do Concello, onde tamén está dispoñible a dilatada historia destes festexos grazas á recompilación de documentos realizada por Xaime Félix López Arias.

Segundo o investigador sarriao, nos anos 1937 e 1938 non houbo San Xoán con actuacións musicais debido á Guerra Civil, pero si se celebraron as festas en 1939 e 1940. No 1941, por causas que se descoñecen, Sarria quedou sen as súas patronais, unha situación que se repite agora, case 80 anos despois por motivo do Covid-19.

Os datos reunidos por López Arias deixan constancia tamén de como eran no pasado estes festexos fondamente arraigados. Medio século atrás, no 1970, xa había pasarrúas coas Pampónigas e música coa Banda de Celanova ou a orquestra La Nueva Lira de Vilalba, entre outras formacións.

Como curiosidades, outorgouse un premio á mellor empanada e os pendellos do campo da feira acolleron unha festa do polbo. Houbo tamén touros cos picadores El Platanito e Pablo Robles e o rexoneador Bombita, así coma un pregón de Eugenio López Prado.

Os deportes tiveron un gran protagonismo naquel San Xoán de hai 50 anos, con campionatos de fútbol, tenis de mesa, balonmán, baloncesto, tiro ao prato, judo e mesmo un trofeo xuvenil de natación no Chanto.

No libro de festas, con 92 anunciantes, escribiron, entre outros, Xosé Trapero Pardo, Valentín Arias ou Antonio Peña, este último cun artigo sobre a SD Sarriana.

Polo que respecta ao San Xoán de hai 25 anos foi pregoado por Manuel Pombo Arias e incluíu unha mostra de antigüidades en Villa Andrea, un concerto de Milladoiro ou unha concentración de parapente na serra do Oribio.

A película ‘María Solinha’ exhíbese na Praza da Vila
A Praza da Vila acolle este xoves a proxección de María Solinha, un filme de Ignacio Vilar con banda sonora de Abraham Cupeiro. Os actos comenzarán ás 21.30 horas cun photocall e as 200 prazas dispoñibles e gratuítas asignaranse por orde de chegada. É obrigatorio o uso de máscara.

UNHA "ALTERNATIVA". A concelleira de festexos, Geni Valcárcel, desexoulle a todos os veciños un bo San Xoán dentro das limitacións da situación actual. "Este ano son unha alternativa á festa intentando facelo con sentidiño. Oxalá sexa o último ano de ausencia", afirmou.

 

Tres concertos en distintos puntos da localidade
Para a xornada de este xoves, día de festa local en Sarria, están programados tres concertos na rúa. O primeiro será unha sesión vermú no barrio da Estación ás 12.45 horas con Borja&Nerea, dous músicos sarriaos que versionan temas con guitarra e voz. Ás 14.00 horas, no Malecón, terá lugar outra sesión a cargo de The Dixie Blinders, que propoñen unha volta aos anos 20.

POP E ROCK. A última actuación está programada para as 20.00 horas na Praza da Vila con Badulakes, grupo de recente creación que repasa éxitos do rock e pop.

Un San Xoán insólito dende hai 80 anos en Sarria
Comentarios