Samos recoñece o traballo de once empresarios "visionarios e audaces"

A Asociación de Comerciantes e Artesáns do concello entregou os galardóns con motivo dos seus trinta anos de vida. Os premiados, xa xubilados, contribuíron ao desenvolvemento local
undefined
photo_camera Premiados asistentes ao acto, celebrado no hotel A Veiga de Samos, xunto ao presidente da asociación organizadora (á dereita). VILA

Once empresarios de Samos "innovadores, visionarios e audaces" recibiron este sábado unha homenaxe por parte da Asociación de Comerciantes e Artesáns deste municipio con motivo do trixésimo aniversario do colectivo e a modo de recoñecemento, unha vez chegada a xubilación, a toda unha vida dedicada ao traballo e ao desenvolvemento deste concello cada un dende a súa faceta.

Os galardóns, consistentes en medalla e diploma, recaeron en Amadeo Rodríguez Guitián do histórico mesón Pontenova, que supera as catro décadas de vida; José Manuel Pérez Rodríguez, da empresa Pizarras Oribio, dedicada á extracción e comercialización de pedras naturais, cuarcitas e pizarras; Enrique Álvarez Fernández, quen estivo ao fronte de Talleres Valdés durante máis trinta anos; Manuel López López, de Manxarín, responsable dun autoservizo e herdeiro dende os 9 anos da patente duns biscoitos cuxa receita se remonta ao 1740; e Pío Préstamo Vila, fundador da carnicería Pío, de longa tradición.

Tamén foron recoñecidos José López Moure, da taberna O Gayo; Alberto López Cereijo e Purificación González Seijas, da carnicería Alberto e Pura; Celia Regueiro Fernández, quen tivo durante 20 anos o bar Centro e despois Casa Licerio; Antonio Arza González, fundador do hotel-restaurante A Veiga hai catro décadas; e José Vázquez Castrillón, quen recibiu a homenaxe a título póstumo.

Este último premio foi recollido pola súa viúva, Victoria Eugenia Fernández, quen exerceu como carteira e lembrou a traxectoria do matrimonio á fronte dunha tenda de pensos e do hostal Victoria.

"Estamos moi contentos con esta homenaxe", dixo Celia Regueiro, quen se xubilou hai xa dez anos. "Xuntámonos o pobo e é unha cousa bonita", afirmou.

O acto consistiu nunha comida de confraternidade celebrada no restaurante A Veiga, á que non puideron asistir catro dos premiados e na cal estiveron acompañados de medio cento de persoas.

"A todos vos queda a satisfacción de ter fundado a vosa propia empresa", díxolles o presidente da asociación, José Fernández, para quen todo empresario "debe ter un proxecto baixo o brazo, un soño na mente e actitude no traballo".

"Para moitos dos aquí homenaxeados foi un gran reto", engadiu, ao tempo que valorou "o crecemento persoal de ter superado as dificultades dos tempos difíciles e compartir as alegrías dos momentos felices", e lles desexou a todos unha "feliz xubilación".

Comentarios