A ruta 4x4 da comarca de Sarria, recuperada no 2022 tras un parón de seis anos, continúa crecendo. Se na última cita xa batera o récord ata o momento con algo máis de 400 inscritos, desta volta acadouse a cifra de 425, chegados desde toda Galicia, pero tamén de Asturias, León e Madrid, segundo explican os seus promotores.
O encontro, organizado polo Concello de Sarria e o club Os Carro x Catro, comezou o pasado venres e, durante toda a fin de semana, reuniu en Sarria arredor de cen motos, uns 150 quads, outros tantos vehículos todoterreo e unha vintena de buggies. En total, entre participantes e organización, foron 650 persoas, informaron Os Carro x Catro, que tiveron que pechar a inscrición ao non quedar xa prazas dispoñibles.
Os actos, nos que tamén colabora a Xunta e a Deputación, arrancaron o venres cuns petiscos de benvida na terraza do Meigallo, seguidos dunha saída nocturna polos arredores da localidade.
O sábado, despois dun almorzo no parque do Chanto, os participantes realizaron unha ruta turística duns 120 quilómetros, que os levou por paisaxes dos concellos de Sarria, Láncara, Baralla, Samos e Triacastela, onde tivo lugar un xantar servido no pavillón municipal pola Pulpería María&Luis.
De volta en Sarria e tras rematar o percorrido nunha charca na parroquia de Ortoá, o restaurante Cinza e Lume acolleu a cea de gala que daría paso, este domingo, á terceira e ultima xornada do evento.
Nesta ocasión, un cento de pilotos amosaron a súa destreza en probas de velocidade e obstáculos no circuíto situado no Morelle. Os mellores foron Miguel López, Dani Cela, Francisco José Pérez, Manuel Neira, Maykel Rivas e Álex Méndez, que recibiron os seus trofeos tras un xantar no Meigallo.
O alumnado do instituto Gregorio Fernández puido ver no centro unha exhibición de varios dos vehículos participantes
Como novidade nesta undécima edición, os máis pequenos tamén puideron gozar do mundo do motor, xa que houbo probas non competitivas para menores de 14 anos no circuíto do Morelle, as cales tiveron moi boa acollida, segundo os organizadores.
Este ano, como actividade previa á ruta, houbo tamén unha exhibición de dous vehículos todoterreo, unha moto, un quad e un buggie no instituto Gregorio Fernández de Sarria, pensada principalmente para o alumnado dos ciclos formativos de fabricación mecánica, mecanizado ou mantemento industrial.
O club Os Carro x Catro amosouse moi satisfeito co desenvolvemento da ruta, na que acompañou o bo tempo e que contou coa axuda de Policía Local, Protección Civil e Cruz Roja para velar pola seguridade. Desde esta asociación destacaron tamén a colaboración de veciños e comunidades de montes, se ben lamentaron as dificultades para conseguir os permisos a nivel administrativo o que, segundo dixeron, complica moito a organización dunha cita que é xa "a maior de Galicia".