martes. 19.10.2021 |
El tiempo
martes. 19.10.2021
El tiempo

A Rúa Porvir lembra a Xela Arias cunha placa na casa onde "soñou con ser poeta"

Familiares de Xela Arias, veciños da Rúa Porvir, o alcalde, concelleiros e directivas do CCG, diante da placa. VILA
Familiares de Xela Arias, veciños da Rúa Porvir, o alcalde, concelleiros e directivas do CCG, diante da placa. VILA
O Consello da Cultura Galega presentou en Sarria un contacontos inspirado na tradución que fixo a autora de obras do italiano Rodari

Os veciños da Rúa Porvir de Sarria, a través da asociación La Dulce Alianza, quixeron lembrar o estreito vínculo que mantivo a poeta Xela Arias con este barrio do Lázaro, onde vivían seus avós maternos. Na vivenda familiar, situada no número 37 da tamén coñecida como rúa dos anticuarios, loce dende onte unha placa que reza: "No patio desta casa soñou Xeliña con ser poeta".

A inauguración correspondeulle á nai da autora, Amparo Castaño, quen explicou que para Xela "vir a Sarria era sempre unha festa". "Correu moito por aquí, aprendeu a andar en bicicleta no patio desta casa e gozou moito dela. Estamos agradecidos porque tanto ela coma nós levamos con orgullo e satisfacción o sitio onde nacemos e nos criamos", afirmou.

A colocación da placa, cunha imaxe da Xela nena e deseño do artista da Rúa Porvir Rubén Grilo, foi unha iniciativa da asociación cívico-cultural La Dulce Alianza, que quixo así homenaxear a autora e toda unha familia "benquerida" no barrio do Lázaro, segundo sinalou un dos veciños e membro deste colectivo Lois Gutiérrez.

O acto de inauguración contou coa participación do alcalde, Claudio Garrido, quen se comprometeu coa veciñanza a arranxar a vivenda que José Sánchez Arias deixou en herdanza ao Concello nesta emblemática rúa da vila.

Asistiron, ademais, o fillo de Xela Arias, Darío Gil; seu irmán Lois, varios edís; a presidenta do Consello da Cultura Galega (CGG), Rosario Álvarez; e a secretaria da entidade, Dolores Vilavedra.

As dúas directivas do CCG tamén participaron onte en Sarria nun contacontos organizado por esta institución para 200 alumnos de primaria, que tivo lugar en dous pases na casa da cultura a cargo da escritora, narradora oral, actriz e cantante Charo Pita.

Este contacontos bebe do proxecto Xela e Gianni do Consello da Cultura Galega. No 1986, a autora sarriá colaborou con seu pai, Valentín Arias, na tradución ao galego da obra do italiano Gianni Rodari "Contos ao teléfono". Tirando deste fío, o CCG presenta agora unha serie de podcast elaborados por Charo Pita, que adapta a formato sonoro aqueles textos do mestre da fantasía traducidos por Xela Arias. O proxecto estará a disposición do público na web da institución durante un ano.

A presentación en Sarria responde ao interese do CCG por celebrar ao longo de todo este 2021, e non só o 17 de maio, o Día das Letras Galegas dedicado á poeta e tradutora. O fillo de Xela Arias tamén se dirixiu aos nenos e nenas para animalos a achegarse á obra de distintos autores galegos. Algúns dos alumnos pediron a palabra para asegurar que "Xela sempre estará nos nosos corazóns e será recordada en Sarria".

No acto participaron as concelleiras de cultura, Reyes Abella, e educación, Geni Valcárcel, quen tivo un emocionado recordo para Iván Tourón, director da Escola de Educación Infantil Xela Arias, falecido o pasado mes aos 40 anos.

A Rúa Porvir lembra a Xela Arias cunha placa na casa onde "soñou...
Comentarios