O poeta louzarino Fiz Vergara Vilariño foi recordado este sábado na súa terra cun roteiro na súa memoria, o cal uniu música e poesía. Preto de 40 persoas déronse cita en Santalla de Lóuzara, no municipio de Samos, nesta homenaxe organizada pola biblioteca do instituto sarriao Gregorio Fernández, que leva o nome do escritor, e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega deste mesmo centro.
Os participantes percorreron o roteiro creado hai uns anos pola asociación Ergueitas en memoria do autor, o cal está formado por trece esculturas inspiradas noutros tantos poemas do samanense. Visitaron espazos que estiveron moi presentes na obra de Fiz Vergara, coma o muíño, a fonte da Cova ou a súa casa natal, onde foron recibidos cos brazos abertos pola súa irmá.
Tamén leron versos do autor louzarino e interpretaron cantigas neste "moi fermoso" acto, segundo explicou o profesor do Gregorio Fernández Eduardo Rey. Ademais, o polifacético Xurxo Souto, quen estivo presente no tributo, musicou un poema do escritor, titulado "Non deixes que a tardiña me sorprenda".
Desde o instituto levan anos facendo este roteiro literario, que decidiron abrir ao público en xeral para homenaxear este poeta para o que desde hai tempo se vén reclamando a concesión do Día das Letras Galegas.
Xa anteriormente a biblioteca do Gregorio Fernández organizou outras actividades na súa memoria, como o pasado ano, cando programou o Día da Poesía cun acto en Sarria no que participaron uns 400 alumnos de toda a comarca.